Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOAN GATO, CANDIDATO DE TERRA GALEGA

"Aspiramos a ser a chave que remate co caciquismo"

A Xunta Electoral Central dá a razón ao ex alcalde de Narón e recoñécelle o uso do nome do partido, en detrimento de Pablo Padín. Vídeo no interior.

Redacción - 17:15 22/01/2009

"O menú electoral xa está completo". Así recibiu o candidato de Terra Galega (TeGa) á presidencia da Xunta, Xoan Gato, a comunicación da Xunta Electoral Central. "Xa non hai controversia legal" resumiu dando conta do documento no que este estamento revoga o acordo da Xunta Electoral de Galiza e do que se desprende que queda suspendida a inscrición no Rexistro de Partidos Políticos presentada por Tobío Padín. Contra esta decisión aínda cabe recurso, se ben Gato insiste en dicir: "que recorran o que queiran, xa que nós levamos a razón".

Para rematar co caciquismo
Unha vez superado este obstáculo, Gato afronta o período electoral "optimista e con ilusión", orgulloso de ser "a cuarta forza do país" e asumindo a tarefa de "liberar a Galiza do caciquismo no que continúa baixo o goberno do bipartito". Especialmente crítico co BNG, ao que acusa de ser unha formación "marxista-leninista manipulada pola UPG", aspira a que a súa sexa a formación que "normalice a nosa terra e a poña ao nivel das outras nacionalidades históricas: aí xustifícase o nacemento de Terra Galega", dixo, "un partido de centro, galeguista e democrático que aspira a conseguir a máxima calidade de vida para todos os galegos".

En canto á presentación da candidatura, explica que as listas se darán a coñecer nos vindeiros días, ao igual que o programa electoral. Con todo, adianta que se baseará en tres piares. O primeiro é rematar coas "políticas presupostarias de malgasto", subliña en alusión ao actual goberno da Xunta, "eses cartos empregariámolos para vertebrar Galiza". O segundo dos alicerces é o de "facer políticas activas de emprego, cun plan para a Galiza interior e outro para a costa", no que se enmarcaría a necesidade de "investir na vivenda, porque os parados da construción non teñen ningunha industria que os poida absorber". Finalmente, o terceiro baséase na posta en marcha de "políticas de carácter social e de atención ás persoas".

Con estes obxectivos sobre a mesa, o que foi alcalde de Narón durante 23 anos, confía na posibilidade de acadar dous deputados pola Coruña e Lugo, "con esta ilusión iniciamos a campaña electoral", dixo, "agardamos acadar representación no Parlamento e conseguir ser a chave do goberno para poder decidir e evitar que os galegos sexan só subministradores de votos".


Ligazóns

4,2/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoan Gato explica un dos obxectivos do seu partido e arremete contra o concurso eólico

Xoan Gato, acompañado da alcaldesa de Valdoviño (Isabel Álvarez), do alcalde de Neda (Xosé Ignacio Cabezón) e do avogado de Terra Galega
Xoan Gato, acompañado da alcaldesa de Valdoviño (Isabel Álvarez), do alcalde de Neda (Xosé Ignacio Cabezón) e do avogado de Terra Galega