O rexedor naronés subliña a intención do partido de ser "a nova vía para normalizar unha terra considerada como unha reserva de votos para os partidos estatais".
"Ábrese unha nova vía para normalizar unha terra considerada como unha reserva de votos para os partidos políticos estatais e na que o PSOE comparte goberno co BNG, un partido sen apelidos que non ten definición ideolóxica e que só busca o poder". Así falaba este sábado Xoán Gato, tamén alcalde de Narón, durante a súa proclamación oficial como candidato de Terra Galega ás eleccións do próximo 1 de marzo.
Aproveitou de feito o naronés para reivindicar o municipalismo como "motor do país", salientando o "exemplo" do concello que el mesmo goberna e do que destacou que "medrou mentres a veciña Ferrol languidecía, grazas ao poder dos veciños, nun modelo que podería ser traspasábel a numerosos concellos do país". Ao fío, debullou as liñas do que será o programa da formación, resumindo que se baseará "na austeridade orzamentaria, cunha política industrial activa, na que os galegos teñan dereito á transformación dos seus produtos, aproveitando as súas fortalezas, cunha nova política de Investigación e Desenvolvemento, transformando unha universidade que vive ás costas de Galiza e que manda os seus titulados ao paro, e logralo nun país cunha verdadeira vertebración do territorio, consolidando as comarcas como eixo vertebrador".
"Vivimos nun edificio chamado Estado español, pero non queremos estar para limpar as escaleiras e facer os recados", apuntou tamén Xoán Gato, prognosticando que Terra Galega será o partido que leve ao Parlamento "o que se di nos bares, na casa e nas rúas". Laiouse Gato de que a converxencia con outras zonas do Estado "perde forza" e propuxo que a formación que lidera aposte por tirar de Galiza para axudar a que "esperte do seu sono". "Galiza non pode perder máis tempo, porque foi domada e castrada porque lle dixeron que todo o que viña de fora era mellor e que o que nos facíamos era malo".
De paso, afondou o candidato de Terra Galega nas críticas ao actual goberno, reprochándolle que "prometeran un cambio e ofreceran unha ilusión e esperanza e lamentabelmente foi esta a lexislatura da paralización do desenvolvemento económico e social de Galiza, cos presupostos máis desbaldidores da historia do Estatuto de Autonomía, do grande clientelismo político, o caciquismo e o amiguismo, con máis de 6.000 millóns en subvencións, o que significa que se multiplicou por dous o clientelismo da época de Manuel Fraga".