No caso de que a lea se prolongue na vía xudicial, o grupo liderado por Xoán Gato podería impulsar un novo partido.
O anterior coordinador xeral de Terra Galega, e tamén alcalde de Narón, Xoan Gato, informou este mércores da presentación dunha iniciativa xudicial na que representantes do partido de Narón, Valdoviño, Cabanas e Neda, reclaman que se "impugnen" os acordos "adoptados ilegalmente baseándose en ilegais convocatorias" no recente congreso da formación.
Acusan a un grupo "de non máis de 10 persoas" de poñer en perigo a continuidade da que insisten en que podería ser "a cuarta vía" da política galega. Xoán Gato teimou ademais en denunciar a existencia de "mans negras" por tras do acontecido coa fin de parar o obxectivo de que TeGa acudise ás próximas eleccións galegas, logo de saír das municipais con 36 mil votos, 66 concelleiros e cinco alcaldes.
No entanto, a chegada do conflito á vía xudicial podería estender no tempo a liorta interna, polo que Gato insinuou a posibilidade de iniciar de inmediato contactos con outras forzas "para crear unha grande coalición galega" coa que acudir aos vindeiros comicios autonómicos. Con todo, o rexedor naronés confía en que os xulgados lle dean a razón e asegura que a impugnación chega avalada polo 90% dos membros de Terra Galega, "a maioría social" da formación.