Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Declarado "ilegal"

Terra Galega logra impugnar o congreso en que Padín saíu reelixido presidente

Xoán Gato recordou que "cinco ou seis persoas secuestraron o partido" e anuncia que xunto con Partido Galeguista e outras agrupacións locais conformarán "unha cuarta vía necesaria en Galiza".

Redacción / Europa Press - 21:35 23/08/2008
Pablo Padín e Xoán Gato

Pablo Padín e Xoán Gato

O coordinador xeral de Terra Galega (TG), Xoán Gato, celebrou este sábado as medidas adoptadas polo Xulgado número 3 de Instrución de Compostela, que impugnou o congreso organizado por un "sector minoritario" do partido o pasado 12 de xullo e no que Pablo Padín saíu reelixido presidente.

En declaracións a Europa Press, Gato recordou que "cinco ou seis persoas secuestraron o partido" e organizaron un congreso "ao que non puido asistir o sector maioritario" -no que se atopaban a totalidade dos seus alcaldes, o 95 por cento dos seus edís e a maior parte das agrupacións- por "anomalías" nas convocatorias.

No transcurso desa asemblea, que "se fixo apresuradamente" e durou "máis ou menos unha hora", segundo relatou Gato, decidiuse "cambiar o sistema organizativo e os estatutos do partido", así como varios postos na dirección nacional para "poñer os candidatos ao seu antollo". No entanto, "non se levou a cabo debate de ningún tipo", malia que "esa debe ser a finalidade do partido". "Por iso o fixeron en silencio e ás agachadas", recriminou.

A anterior executiva decidiu entón tratar de impugnar o congreso mediante unha demanda asinada por 40 persoas e subscrita por "unha ampla maioría". O avogado de TG, Xosé López Balado, a sentenza declarou "ilegal" o congreso por "ir en contra da Lei de Partidos e dos estatutos" e revogou os cambios realizados durante este.

Ante esta situación, Gato avanzou que "agora se están a dar pasos" para convocar un novo congreso antes das eleccións ao Parlamento, aínda que dubidou que poida celebrarse "no caso de que estas se adianten". Non obstante, apelou á "unidade" do partido e considerou que "a crise xa pasou", polo que asegurou que "tenderán unha man a todos os que teñan boa fe". "Quen non a teña, atoparanos de fronte e ben preparados", advertiu.

BNG, "pseudonacionalista"

Gato invocou a "ilusión" da afiliación para "tentar entrar no Parlamento tras estes comicios, polo que anunciou a posibilidade de crear coalicións ou alianzas, segundo se decida" con distintas forzas políticas.

Neste senso, indicou que o Partido Galeguista e as agrupacións independentes de varios concellos conformarán, xunto con TG, "unha cuarta vía necesaria en Galicia" posto que, ao seu xuízo, actualmente só hai un formación "pseudonacionalista". Esta alusión ao BNG concretouna Gato ao afirmar que "hai un partido con nome galego, pero que non se sabe realmente que é".

Por iso, concluíu que "un sector importante da sociedade galega" agarda "con expectación" que "se abran as portas" do Pazo do Hórreo, posto que se atopa "desorientado, desenganado e incapaz de ver a saída a situacións como a do paro e o desequilibrio da riqueza". Así, definiu a TG como "un partido democrático de centro" que "cre nas posibilidades de Galiza".

"Sen medo" a un posíbel adianto

Respecto á posibilidade dun adianto electoral que fixe a data dos comicios no próximo outono, Xoán Gato lamentou que "só se decida en función de intereses partidistas e non en función dos intereses de Galiza". Porén, espetou que "o mellor é que marchen canto antes".

"Nós non temos ningún medo", asegurou, ao tempo que se preguntou cales serán "os avances" que o actual Goberno "vai explicar á sociedade". "Nin alta velocidade, nin infraestruturas, nin industria, nin o sector do campo, nin o da pesca...", enumerou, e concluíu que "as súas conclusións son bastante negativas".

Ao seu xuízo, esta situación responde á existencia dun "Goberno que é un matrimonio de conveniencia que non dorme xunto". "Así foi ao longo da lexislatura e pagouno Galicia", criticou Gato, que considerou que ao PSdeG "lle interesa" o adianto "porque canto máis se afonde na crise, peor para eles" e que ao BNG "non lle convén". "Nós temos que prepararnos", dixo.


3,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: