Axentes marroquís cargaron esta fin de semana contra familiares e compañeiros dos finados logo do seu funeral.
El Houssein Kteif e Baba Khaya
O goberno de Marrocos estase a empregar con contundencia co fin de evitar que se produza unha revolta popular nos territorios ocupados do Sáhara Occidental. A principios da semana pasada dous estudantes saharauís resultaron mortos nunha protesta en Agadir, informa o Servizo de Comunicación Saharauí en Canarias (SCSC).
Esta fin de semana repetíronse as cargas dos últimos días durante os funerais por Baba Khaya e El Houssein Kteif. Familiares e centos de civís saharauís da cidade e dos seus arredores, portando bandeiras da República Árabe Saharauí Democrática, concentráronse logo do acto relixioso polo segundo, en Bojador.
Efectivos armados da Policía e da Xendarmería marroquí cargaron entón "con enorme brutalidade", producindo "numerosos feridos e iniciando unha serie de detencións e toma de domicilios", segundo denunciaron activistas de Dereitos Humanos.
Ademais, con posterioridade á concentración, os axentes de seguridade obrigaron "baixo ameaza a algúns" dos membros da familia de Baba Khaya, a participar nunha repetición do seu funeral co fin de que a familia aparecese "xunto ás autoridades marroquís", e así "escenificar unha montaxe para os medios de comunicación".
Varios barrios da capital, El Aaiun, permaneceron bloqueados por forzas marroquís durante toda a fin de semana, e continuaba "a intensa campaña de detencións, torturas e violencia". Esta situación foi a tónica da semana pasada, tamén nos centros educativos onde estudantes de Secundaria se concentraron para condenar a morte dos seus compañeiros.