Avogada do Colexio de Pontevedra, coñeceu de primeira man o 'funcionamento' do sistema xudicial marroquí. Mentres, continúan as negociacións entre as partes.
Said El Baillal
A principios deste ano, o tribunal de apelación de primeiro grao de Rabat (Marrocos) condenou a Said El Baillal, profesor da Universidade Mohamed VI e membro do Comité de Defensa do Dereito de Autodeterminación do Pobo Saharauí (CODAPSO), a oito meses de prisión e a unha multa de 500 dirham (uns 50 euros ao cambio, mais moito máis a nivel adquisitivo)
Rosana Navarro, avogada do Colexio de Pontevedra e observadora voluntaria, viaxou o pasado mes de xaneiro a Rabat, formando parte dunha delegación do Observatorio de Dereitos Humanos do Colexio de Avogados de Badaxoz -un organismo moi activo no conflito do Sáhara Occidental-, para comprobar que se cumpría a legalidade durante este proceso xudicial.
"Que declarou", contesta Navarro preguntada polo máis destacado do xuízo a El Baillal, detido por participar nunha manifestación pacifica. "É algo totalmente inusual nos procesos contra saharauís que o acusado declare", recoñece.
Aínda que a condena "non está nada mal para ser saharauí", a tamén socia de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí afirma que "dende o principio houbo unha violación dos dereitos humanos" neste caso, que "puido ser moito peor de non estar nós alí".
Importante labor dos observadores
"A presencia de observadores internacionais nos xuízos a saharauís cumpre un importantísimo labor, xa que permite que se reduzan as violacións neste tipo de procesos políticos", considera, e critica que a Misión das Nacións Unidas para o referendo do Sáhara Occidental (Minurso) non sexa o que leve a cabo con eficacia esta función.
El Baillal foi condenado por "manifestación armada", "desobediencia", "golpes e feridas a funcionario durante o exercicio da súa función", "destrución de bens públicos" e "posesión de material combustible", segundo recolle o auto xudicial.
Porén, Rosana Navarro asegura que tanto as probas como as dúas testemuñas que o acusaron de ser o organizador da manifestación en que o detiveron foron obxecto de manipulación, e que a protesta, levada a cabo hai case un ano, foi pacífica.
Golpes, correntes eléctricas...
"As torturas son reais", confirma a letrado. "A detención de El Baillal foi agresiva e no tempo que estivo detido as torturas foron constantes", engade: "Os golpes, as correntes eléctricas ... son habituais, ademais da incomunicación á que os someten".
Por outra banda, Rosana Navarro confirma que a delegación de observadores estivo controlada polas forzas de seguridade marroquís dende o primeiro momento. "Cando chegas adxudícanche un número, e escriben un comentario ao seu lado", di. Ademais, confesa: "Un coche seguiunos en todo momento. Fixéronnos fotos. E o día que marchabamos, mesmo os taxistas non nos querían levar ao aeroporto".
A pasada quinta feira, Marrocos e a Fronte Polisario mantiveron en Manhasset (Nova York) unha nova xuntanza -a cuarta- ao abeiro da ONU, co fin de estabelecer un novo status para o Sáhara Occidental. Representantes de Mauritania e de Alxeria estiveron presentes na reunión. As partes acordaron continuar coas negociacións, informa a axencia internacional de noticias Afrol News.