Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No primeiro día de paro total de Citroën

Os traballadores da automoción saen á rúa

É o sector máis produtivo en Galiza, empregando a máis de 20 mil persoas. A CIG convocou esta manifestación para protestar pola alta inestabilidade laboral que se está a vivir.

Redacción - 11:30 04/11/2008
Cartaz da convocatoria da mobilización da CIG

Cartaz da convocatoria da mobilización da CIG

Uns 2.000 traballadores do sector da automoción saíron esta segunda feira ás rúas de Vigo (medio cento, segundo a policía local), convocados pola CIG, para pedir solucións á situación que laboral que se está a vivir no sector -alta eventualidade, varios Expedientes de Regulación de Emprego abertos-.

"Na defensa do emprego no sector da automoción"
A mobilización coincidía co primeiro día de paro total programado pola factoría de Citroën, un dos tres previstos para o mes de novembro (os vindeiros serán o día 7 e o 10). Na sede da multinacional en Vigo tamén ha parar unha das liñas de montaxe todas as segundas e sextas feiras deste mes, e o vindeiro 11 de decembro a factoría ha pechar a produción do ano, cunha caída do 20%, segundo a dirección. Neste tempo, Citroën deixará de producir 23 mil automóbiles. O calendario foi negociado con sindicatos e as datas nas que se deixará de producir han facer parte da bolsa de horas, un mecanismo polo que a empresa poderá reclamar a presenza dos traballadores cando as vendas se recuperen.

Unha reacción en cadea
Porén, neste contexto, os máis prexudicados non son os traballadores fixos da multinacional, senón os seus empregados eventuais e os empregados das empresas auxiliares, fabricantes de compoñentes, que, sen poder gozar dunha bolsa de horas propia, teñen que parar os mesmos días que Citroën. Xa hai varios ERE (Expedientes de Regulación de Emprego) abertos en varias empresas auxiliares; o última sacudida ao sector: o peche da sede, en Mos, da multinacional holandesa Draka, dedicada ao cableado para vehículos, que deixa na rúa a 96 traballadores.

Ademais, os sindicatos prevén que deica finais de ano perderán o seu emprego neste sector 1.500 traballadores eventuais (en Citroën xa foron informados 180 persoas de que non se lles vai renovar o contrato, unha vez finalice). Neste contexto, aínda se prevé que Citroën pare os seis primeiros días de xaneiro, e, aínda que non está pechado o calendario de paros para 2009, non se sabe con certeza cando se renovará a produción ao cento por cento. Os paros de Citroën tamén están a afectar a outras empresas da comarca viguesa, como as de transporte de automóbiles e as de embarque de vehículos a través de ferrocarril e buque.

A crise afunde un 40% as vendas de coches en outubro
Porén, aínda que o sector da automoción en Galiza estea ligado, principalmente, á multinacional francesa PSA-Citroën, hai que salientar que as empresas de compoñentes do noso país tamén traballan para outras marcas, como Opel, Renault, Nissan, etc, que tamén se están a ver afectadas pola crise. Segundo os últimos datos das patronais de fabricantes (Anfac) e vendedores (Aniacam), a crise financeira internacional afundiu as vendas de coches un 40% o pasado mes de outubro en todo o Estado Español: é o peor rexistro dende 1995.

Nos últimos meses do ano, ademais, tamén se viron inmersas en numerosos procesos de axuste, paradas da produción e despidos as sedes de Seat, Iveco ou Nissan en Cataluña, a de Renault en Valladolid, a de General Motors (Opel) en Zaragoza ou a de Ford en Valencia.

O apoio gobernamental
A nivel estatal estase preparando un Plan Integral do sector, que, presentado esta segunda feira ante sindicatos (UGT e CCOO) e patronal (CEOS e CEPYME ) polo ministro de Industria, Miguel Sebastián, comezará en "tres meses" e nace encamiñado a "reforzar as bases do futuro do sector, tendo en conta o axuste que resultou da situación internacional".

En Galiza, a Consellaría de Innovación e Industria e a de Traballo colaboran co Clúster da Automoción para adoptar medidas conxuntas contra a crise. Neste sentido, UXT e CCOO en Galiza recusaron manifestarse coa CIG esta segunda feira por considerar a mobilización contraditoria ao foro do sector.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: