Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
consecuencias da crise

Os sindicatos prevén que Citroën deixará de fabricar 25 mil automóbiles deica final de ano

A redución afectaría, sobre todo, ás empresas fabricantes de compoñentes e os traballadores eventuais. Os sindicalistas critican a postura da Xunta.

A.Rodríguez - 19:45 01/10/2008
Unha fileira de peugeots aparcados no peirao de Bouzas, en Vigo / Flickr: Contando Estrelas

Unha fileira de peugeots aparcados no peirao de Bouzas, en Vigo / Flickr: Contando Estrelas

Esta cuarta feira o responsábel de Automoción de UXT e secretario xeral da sección sindical de PSA Peugeot-Citroën en Vigo, Rubén Pérez, anunciou, en conferencia de prensa, que as pretensións da empresa gala son as de deixar de fabricar 25 mil automóbiles de aquí a finais de ano.

Os métodos para parar a produción serían os empregados outras veces: ir reducindo as xornadas semanais de traballo nalgunhas das cadeas de montaxe. O sindicato sinalou que esta situación vai afectar a perto de 300 traballadores eventuais, mais non aos traballadores fixos. Neste sentido, Rubén Pérez descartou que vaia haber, de momento, algún tipo de expediente de regulación de emprego entre os fixos na planta de Vigo.

As causas desta redución na produción atópaas UXT na situación de crise que se está a vivir no Estado, o que influíu na caída das vendas de vehículos, entre eles os de Citroën.

Porén, segundo datos desta semana, as firmas francesas Citroën e Renault lideraron o mercado automobilístico durante o mes de setembro, mais, aínda así, o número de vehículos matriculados por ámbalas dúas marcas, 5.852, supuxo un descenso do 33,4 e 29,1 por cento respectivamente en canto ao mes anterior. No que vai de ano, Citroën vendeu 86.161 vehículos, un 27,7 por cento menos que o ano pasado, situándose por detrás de Ford (89.236) e Peugeot (87.024).

"Houbo unha falta de previsión total por parte de Citroën"
Segundo o responsábel de Compoñentes Auto de CCOO, Celso Carnero, a situación que se está a vivir en Citroën ha afectar, sobre todo, aos traballadores eventuais, que son o 40 por cento no taller. "Nesta empresa atopamos unha alta eventualidade; xa dende o segundo trimestre deste ano se viña notando unha importante caída no emprego, e canto máis se reduza a produción, máis impacto se ha sentir neste eido", salientou Carnero, ao tempo que lembraba que os recortes na planta viguesa seguramente non afecten os traballadores fixos, pero que estes feitos si que van repercutir, e de xeito importante, nas empresas auxiliares.

De feito, segundo contou Carnero hai xa unha empresa, Faurecia Sistemas de Escape España,S.A., filial do grupo PSA Peugeot-Citroën, que xa presentou unha solicitude de regulación temporal de emprego para 92 traballadores, para as catro sextas feiras de setembro e outubro. A multinacional fabrica asentos para varios modelos de Citroën, e vese afectada polos paros que se fan na planta da multinacional en Vigo. Como contou Carnero, os paros de Citroën tamén lles repercuten en grande maneira por non ter especificados estas eventualidades no convenio e ao non contar coa bolsa de horas. Neste sentido, tamén comentou que hai moitas outras empresas que non se poden dedicar á fabricación de stock na mesma situación.

Agora, segundo o sindicalista de CCOO, falta pensar que facer con toda esta xente que será despedida en breve, porque, segundo dixo "temos que cavilar como vamos ser capaces de absorber todo este potencial de persoas que deixen de traballar".

Porén, dende CCOO ven responsábel desta situación ao grupo PSA, xa que houbo, segundo Carnero "unha falta total de previsión por parte de Citroën, que comezou o ano ao 200 por cen, tentando bater varias marcas, pero sen botarlle un ollo ao mercado real, que non era capaz de absorber todo o producido". En canto á posíbel intervención do Goberno para solucionar o conflito, Carnero quixo destacar que dende Industria aínda non lles deron unha data para se reunir con eles, porén, xa teñen marcado un día para recibir o Clúster da Automoción, o que lle parece "unha falta total de forma e de respecto" e algo nada propio dun "goberno progresista". En canto a que a Xunta tome algunha medida ante a crise, sinalaron que o que saben con certeza é que Citroën vai pedir cartos.

"Hai que buscar unha situación global, non ir empresa por empresa"
O secretario nacional da CIG Metal, Miguel Malvido tamén sinalou que esta situación ha afectar aos traballadores eventuais de Citroën, mais sobre todo ás empresas de compoñentes, "onde proliferan este tipo de contratos lixo". Neste sentido, sinalou que dende a CIG prevén un "encadeamento" de expedientes de regulación de emprego que fará que o sector chegue a unha "situación caótica".

Segundo Malvido, non se debe solucionar este problema "empresa por empresa", senón cunha "visión global" na que participen sindicatos, empresarios e Xunta. A CIG tamén se queixou de que o Goberno chame primeiro ao Clúster do Automóbil para falar do sector e non aos sindicatos, "xa que nós somos os principais afectados, e con nós de momento ninguén falou", mais revelou que a vindeira cuarta feira, 8 de outubro van facer unha asemblea de delegados do sector para ver que medidas tomar.

As causas da situación que se está a vivir son, para Malvido, un chisco de falta de previsión por parte de Citroën, mais tamén a crise que, segundo dixo "non é dos traballadores, é do sistema capitalista e do capitalismo especulativo e financeiro. Houbo beneficios millonarios, pero o reparto non foi equitativo, e os que temos que apertar o cinto sempre somos nós, os traballadores".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Automóbiles de Citroën situados na zona franca, en Vigo / Flickr: Alejandro Arce
Automóbiles de Citroën situados na zona franca, en Vigo / Flickr: Alejandro Arce
Factoría de PSA Peugeot-Citroën en Vigo / Flickr: Tomás R Vigo
Factoría de PSA Peugeot-Citroën en Vigo / Flickr: Tomás R Vigo
Detalle da Avenida de Citroën / Flickr: Tomás R Vigo
Detalle da Avenida de Citroën / Flickr: Tomás R Vigo