O 22 de outubro de 1908, hai exactamente 100 anos, nacía nas Foucellas (Mesía) o máis lendario dos guerrilleiros antifranquistas. Falamos con dúas persoas que o coñeceron.
Benigno Andrade, 'O Foucellas'
"Daquelas estaba nunha serraría aí en Curtis, e tivo que escapar como agora escapan os da ETA. Non lle quitaba iso que fose boa persoa; era boa persoa". O que fala é Manuel, veciño das Foucellas, aldea da parroquia de Cabrui (Mesía); e veciño tamén do Foucellas, porque Benigno Andrade García, o máis famoso guerrilleiro antifranquista do noso país, foi e será sempre recordado polo alcume que tomou da aldea onde naceu o 22 de outubro de 1908, hai esta cuarta feira 100 anos.
Manuel, de 82 anos, fala del coas lembranzas dun cativo que vía no Foucellas un home nobre, solidario -"se había que segar ou sachar, el andaba sempre por aquí cos veciños"- e inxustamente perseguido, que "cando os do Movimiento o quixeron coller, dixeron que puxera unha bomba no tren correo que baixaba de Madrid, entre Curtis e Teixeiro". "Aquelo foi o que o botou ao monte. Tardou despois bastante tempo en deixarse ver, case un ano; pero estaba aí", comenta.
Era na casa natal onde se agochaba O Foucellas, "sempre con moito ollo", comenta Manuel. "Eu era rapaz e ía coas ovellas por alá arriba, e a muller del víñame dicir: Ai, Manoliño se foses alí á casa da Lesta e lle dixeses ao Foucellas que escapase que pola tarde van cachear a casa". E mentres a Garda Civil, ao mando "dun tal Castelao, que dicían que era malo malo", escachaba con todo, O Foucellas subíase a un alto e "miraba como eles traballaban", ri o Manuel mentres o conta.
Ponse máis serio cando se lle pregunta pola familia: "Ao irmán rebentárono vivo a paus, a Garda Civil. Unha irmá, chamábanlle Consuelo (da que se di que era a que conseguía información para axudar ao Foucellas), era a que limpaba o cuartel da Garda Civil, pasounas putas de todo; e a nai, a pobre, tiña que vir por aquí pedir para comer, porque non tiñan nada, eran pobriños de todo".
"Eu moito non o vin. Vino dabondo"
Outro dos que coñeceu O Foucellas foi Pepe, O ferreiro de Barbeito. Mais en diferente momento, en distinto lugar e nunhas circunstancias nas que 15 anos de vida -e morte- guerrilleira polos montes pesaban como unha lousa. "Eu moito non o vin. Vino dabondo", sorrí o Pepe recordando o seu encontro na Costa da Regueira (Oza dos Ríos) co home que o réxime fascista convertera nun criminal sen escrúpulos, atribuíndolle mesmo delitos que se cometeran ao mesmo tempo en sitios distintos.
O Foucellas e mais un compañeiro acusaban O ferreiro de ir falar deles a Cesures. "De vostedes non falei; nin a Cesures fun!", díxolles. "Vostede falou e pense ben. Poñerse tranquilo verá como vostede falou de nós", retrucáronlle os dous fuxidos. O episodio sucedeu na casa da que logo sería a sogra do Pepe. Este asegura que non tivo medo porque "todo o que me fixesen era inxusto", e confesa que aínda que non directamente, algo si preguntara pola vixilancia da Garda Civil.
"Se non é por unha persoa que dicía que se podía facer unha morte á miña presenza, xa me tiñan morto", disque lle dixeron os foucellas, nome que a sona de Benigno Andrade deu en designar a todos os membros da resistencia antifranquista do país.
Pepe, o ferreiro conta tamén como a noite que capturaran O Foucellas, o 9 de marzo de 1952, día de feira en Curtis, viran baixar cara á cova en que se agochaba moitos homes con gabardinas -gardas civís, ao cabo. Houbo un gran tiroteo. A Benigno Andrade disparáronlle nunha perna. Amante da xolda, estábase a asear para ir a unha casa na que houbera voda. Mais alguén -ninguén sabe aínda dicir quen- delatárao.
"Falouse despois de que a xente por alá por onde el era, máis alá de Curtis, dicía que era -salienta paseniñamente Pepe o ferreiro- boa persoa". "Pero -reflexiona- non sei como foi co asunto da Guerra ou da leche que foi cando se botou ao bravo".
Con motivo do centenario do nacemento do Foucellas, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, a Asociación Cultural Obradoiro da Historia, de Ordes, e a Asociación Cultural Eira Vella, de Betanzos, organizan diversos actos para lembrar os miles de heroes anónimos da Resistencia antifascista, mortos, torturados, desterrados, encadeados e perseguidos por defenderen a legalidade democrática. En todos os actos haberá unha homenaxe para as súa familias, lectura de poemas, presenza de vellos guerrilleiros, intervencións de historiadores e actuacións musicais. Ademais, en novembro proxectaranse en Betanzos filmes sobre a guerrilla antifranquista galega.