Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Crónica guerrilleira

Na Galicia isolada física e politicamente dos grandes centros neurálxicos do Estado franquista, as crónicas históricas falan dunha terra onde a resistencia armada adquire certas peculiaridades que a diferencian. A xeografía montañosa, o subdesenvolvemento económico da Galicia rural singularizarán o seu funcionamento.

- 15:07 14/08/2002
Tags:

“Hai que salvar a historia”, Francisco Rei Belvis ‘o Moncho’



Con arredor de medio milleiro de guerrilleiros medianamente armados no momento máis álxido da resistencia armada, en determinados momentos as zonas consideradas máis problemáticas tiveron a oficiais especializados na loita anti guerrilleira para dirixir a represión.

O caso da aldea de Figueiredo en Montefurado, cómplice ao completo da guerrilla e levada ao completo a Ourense en camións polas autoridades, as represalias en forma de asasinato ordeadas polo Gobernador da Coruña en 1947 ou a inaccesibilidade de Cabreira onde as forzas franquistas temían facer incursións, son exemplo dos momentos de impotencia das autoridades, nomeadamente do seu brazo executor nestes casos, A Garda Civil.

“Mantemos intanxibles o noso xuramento de loitar ata a victoria pola República e as liberdades nacionais de Galicia”. Así se podía ler no primeiro número de ‘O Guerrilleiro’, voceiro do Exército Guerrilleiro de Galicia, en decembro de 1946. O historiador Bernardo Máiz ten escrito arredor da importante compoñente galeguista, que ten bo exemplo no ámbito propagandístico, e evidencia unha guerrilla plenamente autóctona e de esquerdas, cunha semántica ‘nacionalista’ que vai máis aló do simple oportunismo.

A guerrilla non xurde dende organizacións políticas, senón do movemento popular autóctono, malia que unha vez no monte si terán influencia na súa organización e evolución formacións como o Partido Comunista. Ao PC ténselle achacado non prestarlle verdadeiro apoio material á guerrilla e aínda que se tivese atribuído axudar ao seu desenvolvemento, en verbas de Dolores Ibárruri “houbo un momento en que tivemos que pensar en acabar con eles , xa que eran un obstáculo ás novas formas de loita”.

Fuxir ao estranxeiro ou ao monte. Velaí a elección que lles quedaba a moitos dos vencidos, unha vez rematada a Guerra e instaurado o rexime represor. Nas zonas que polas súas condicións xeográficas ofrecían máis seguridade para a resistencia. Pouco a pouco establecen comunicación entre eles e organízanse en pequenos grupos, nun primeiro momento co simple obxectivo de salvar a vida.

Haberá noticia de grupos de guerrilleiros nos montes e bosques das comarcas costeiras da Coruña e Lugo, pola conca do Eume, en Cedeira e Ortigueira, nos montes da Graña, en Arzúa e Melide e nas comarcas de Palas e Alto Ulla. Polas comarcas de Ferrol, As Pontes, Viveiro e Moeche andaba un dos grupos máis organizados. Tamén nos montes do Pindo e na Serra do Barbanza se moven resistentes antifranquistas. En Pontevedra xurden os primeiros grupos preto de Tui e Vigo.

O proceso organizativo marocuse coa chegada o ano 1940 ao Bierzo e leste de Ourense dun grupo asturiano con preparación política e intelectual que muda a dinámica da guerrilla galega, constituíndose a Federación de Guerrillas de Galicia-León, que non se disolverá ata 1947, seguindo a combater algúns deles nas montañas. Neste tempo actuaron tamén as contra guerrillas, grupos de falanxistas, ex soldados e outros, supervisados por un garda civil que vestían e vivían coma os guerrilleiros que eliminaban enlaces e colaboradores.

Mantense pola contra o Exército Guerrilleiro de Galiza, grupo no que estarán algún dos que máis fondo fican na memoria colectiva, coma ‘O Foucellas’, o ‘Moncho’, Gayoso, Seoane ou o ‘Piloto’ e que camiñará cara unha maior politización, accións de máis calado e maior preparación dos seus membros.

A caída de varios líderes, as infiltracións, as delacións, a represión sobre o pobo que así desconfíara á hora de colaborar, o aniquilamento dalgúns destacamentos importantes, levará a que vaian caendo sobre todo cara fins dos 40. Así, dende 1952 o acoso fai que só vaian quedando combatentes illados. Os últimos guerrilleiros galegos serán Xosé Castro Veiga ‘O Piloto’, asasinado en Chantada, á beira do encoro de Belesar en 1965, Ramón ‘Corujas’, que morre de infarto en 1967 e Mario de Langullo, o derradeiro, que logo de 32 anos nos montes marcha a Francia en agosto de 1968.

Segundo estatísticas do historiador Bernardo Máiz, entre 1943 e 1954 foron detidos 461 guerrilleiros e 5.381 enlaces. Ademais, os datos falan de 88 guerrilleiros entregados e 321 mortos en acción.

A táctica dos grupos era a clásica das guerrillas: atacar e buscar agocho en campamentos que mudaban constantemente, tentando un proceso de desgaste. Os destacamentos podían ter un mando político e outro militar. Concetrábanse para atacar e dispersábanse logo da operación. Dependían en gran medida do apoio dos ‘enlaces’, redes de colabroadores en aldeas e cidades. Dispoñían de armamento escaso, fundamentalmente armas da guerra civil e explosivos que usaban para voar pontes, vías ou liñas eléctricas e de teléfono, e financiábanse con roubos, detencións e ‘taxas’ guerrilleiras. Entre os seus obxectivos: gardas civís, falanxistas, delatores, cargos públicos e mesmo cregos adictos ao rexime.


3/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: