Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EXPOSICIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA EN ORDES

Manolo Pazos: "Nuns anos xa non nos han quedar testemuñas directas da Guerra Civil"

Este mércores 17, ás oito da tarde, foi inaugurada unha exposición sobre a Memoria Histórica que recolle valiosos testemuños da comarca de Ordes. O Salón do Centro Comarcal que alberga a mostra quedou pequeno para o cento de persoas que se congregaron o día da inauguración, mais a mostra aínda poderá ser visitada até o día 31. Organízaa a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes, patrocínaa a Consellería de Cultura, e colabora a A.C. Obradoiro da História, unha asociación que leva ben tempo loitando pola recuperación da memoria histórica e do patrimonio cultural da comarca de Ordes.

- 09:32 22/01/2007
Tags:

Xa publicaran A Resisténcia Antifranquista na Comarca de Ordes: Manuel Ponte Pedreira no 97, e desenvolven un intenso labor de protección de elementos patrimoniais. Participan tamén a Fundación 10 de Marzo e Ediciós do Castro. Manuel Pazos Gómez é presidente da asociación Obradoiro da História, de Ordes, e promotor desta iniciativa. Con el falou Vieiros para que nos conte o que poderemos ver se nos achegamos a Ordes.

  • Vieiros: Que podemos atopar nesta mostra e de onde se obtiveron os fondos?
    Manolo Pazos: A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ordes púxose en contacto co Obradoiro de História, que xa tiñamos un arquivo importante de material sobre a II República e a represión en Ordes, ademais da resistencia e a guerrilla: cartas, fotos, documentos de todo tipo... Á parte, a Fundación 10 de marzo achegou material dos anos 40, como prensa que daquela era clandestina: as publicacións do Partido Comunista como 'Mundo Obrero'... e por último, Ediciós do Castro contribuíron con libros relacionados co exilio, a guerrilla ou a II República.



    Ademais de todo isto, varias persoas a título individual cederon tamén material: a xente de Ordes que dende a asociación sabiamos que dispoñía de fondos achegounos cousas como unha das urnas da II República, nas que se botaron as papeletas das eleccións que gañou o Fronte Popular, o 16 de febreiro de 1936. Dispomos dunha sección de prensa organizada cronoloxicamente do 31 ao 36. Tamén de datos sobre o alzamento e a resistencia en Ordes, os xuízos...

    Nesta comarca foron fusiladas once persoas. Conseguimos fotos e documentos de toda esta xente. A xente sabía os nomes, pero era preciso porlle tamén unha imaxe, porlles cara. E houbo casos nos que non obtivemos ningunha, pero aínda así sacamos fotos da tumba.

    Dispoñemos tamén dunha audición musical con cantigas propias dos guerrilleiros, interpretada precisamente por un guerrilleiro nun congreso que houbo en Catoira. E tamén dun apartado de simboloxía, tanto franquista como republicana: bandeiras, pins... Algunha bandeira da Falanxe...
    Está a iconografía dos dous bandos. E por último, libros relacionados coa república da sección de publicacións do Obradoiro de História.
  • Vieiros: Cal é entón a franxa histórica que abrangue a mostra? Dende os últimos anos da República...
    Manolo: ... até a fin da guerrilla, coa morte de Manuel Ponte. Dende 1931 até 1947, ou 48. Hai cousas posteriores, como os listados de persoas que foron deportadas, moitísima xente. Imaxínate: se un pai de familia era guerrilleiro, ou simplemente un enlace, alguén que se botara ao monte, o que facía a Garda Civil era convocar: "tal día a tal hora preséntense la mujer del huido y todos sus hijos en el cuartel general de la Guardia Civil de Órdenes", e unha vez que estaban alí, subíanos a un camión que botaba a andar e que se cadra os deixaba en calquera aldea de Castela. Alí eran rexistrados, deixábanos en barracóns ou en casas abandonadas, e a buscarse a vida. Aquí, en Ordes, houbo moitos deses casos. O máis sangrante, o dunha señora maior que tiña un fillo guerrilleiro e morreu fóra, despois de ser deportada.
  • Vieiros: Na comarca de Ordes houbo unha resistencia especialmente intensa (guerrilleiros como Foucellas, Ponte...) Cóntenos como foi
    Manolo: Ben, xa durante a II República, ese momento político e cultural, implantouse un movemento de esquerdas importante: comunistas, galeguistas, xente sindicada pola vía do tren, sociedades agrarias... (chegou a haber cincuenta delas). Cando houbo un golpe de Estado, a xente reaccionou resistindo. Moitas persoas, simplemente, tiráronse ao monte por salvar a vida, porque vían ao seu redor que a xente estaba a ser asasinada. O Partido Comunista organizou un pouco o proceso, e subministrou armas, a partir do 43.



  • Como foi o proceso de conseguir material para a mostra por parte de persoas individuais, que tiñan os fondos nos seus fogares?
    Non houbo problema porque xa existían un coñecemento e unha confianza previos. Aquí coñecémonos todos, e a asociación leva moito tempo traballando neste ámbito. Ninguén nos puxo problema. Ademais, hai que ter en conta que cada vez menos destes informantes quedan vivos, xa morreron a maioría. É moi importante que os novos investigadores aproveiten a sabiduría das persoas maiores, a súa experiencia. A xente que viviu o golpe, que se armou en patrullas con escopetas pola rúa para loitar contra el, teñen moito que dicirnos. E hai que ter en conta que os que viviron o 36 xa morreron, que a xente que foi torturada está a morrer. En catro ou cinco anos xa non nos han quedar testemuñas directas. Aínda hai pouco morreume un informante que fora torturado pola Garda Civil, que non tiña unllas das dedas dos pés porque llas arrincaran.
  • Vieiros: Antes falou dunha gravación de cantigas de guerrilla. É urxente recoller a oralidade como xeito de preservar esta memoria?
    Manolo: Niso estamos. Na nosa asociación temos un arquivo de varias persoas gravadas, e na Universidade de Santiago de Compostela, o Departamento de Historia Oral tamén está traballando no tema. É moi importante a construción destes arquivos, e é un traballo que esixe moita paciencia. Trátase de gravar a persoas maiores, e se cadra dunha hora de son rexistrado podes aproveitar dez minutos.
  • Vieiros: Segue custando traballo obter información das persoas que o viviron? O medo e a vergoña seguen a ser un impedimento? Se cadra dende a celebración do Ano da Memoria hai menos reticencia a falar...
    Manolo: Aquí en Ordes non creo que se enterasen moito do do Ano da Memoria. Non hai ningún tipo de problema en falar, pero penso que se debe ao feito de que todos nos coñecemos, de que existe confianza. Se mañá fose facer unha investigación parecida ao Barco de Valdeorras, seguramente levantaría sospeitas... Pero aquí non hai problema, é máis: a xente que máis che facilita a información é a que non militaba en nada, ou non ten nada que ocultar. Do bando da dereita si que atopamos xente reacia a dar información, incluso boicotearon a exposición. Isto, repito, é unha comarca pequena e aquí todos nos coñecemos e sabemos de que familia vimos, quen foron os represores, etc. E segue a haber bandos, de feito, aínda que convivamos en certa harmonía política. De feito, nunha das publicacións do Obradoiro de História aparece unha lista cos nomes dos represores e tampouco non pasou nada, non houbo censuras.
  • Cal é a liña do traballo do Obradoiro de História?
    Pois seguimos nas dúas liñas de recuperación da Historia, por unha banda, e da memoria histórica pola outra. A diferenza é que para a recuperación da memoria histórica precisas fontes vivas para contalo, e iso abrangue dende a República para aquí. Por outra banda, ollamos a Historia a través de varias disciplinas: etnografía, arqueoloxía, patrimonio... En canto á nosa metodoloxía, por unha parte sacamos regularmente publicacións (libros, folletos, dípticos...), das que xa levaremos unhas trinta, e pola outra realizamos varias campañas de denuncia, por agresións ao patrimonio, por exemplo.

    Fóra da vertente histórica tamén editamos a revista de poesía "Segrel", na que publicamos a obra da xente nova de Ordes afeccionada á escrita, e tamén temos organizado xornadas literarias nas que convidamos a esritores como Bernardino Graña, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, Xosé Neira Vilas... Desenvolvemos practicamente o labor dunha concellaría de Cultura, pero o concello non é nada receptivo ás nosas propostas. En cambio, outros da comarca, como Oroso, si. No ámbito da recuperación da memoria histórica debe ser o máis comprometido da comarca.

Ademais da mostra, celebraranse unha serie de conferencias todos os mércores ás oito e media no mesmo salón do Centro Comarcal. O día 17 inaugurou o ciclo Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. O mércores 24 estarán o historiador Emilio Grandío, especializado no estudo do período republicano e primeiro franquismo en Galicia, e o propio Manolo Pazos. E por último, o día 31, pechan o ciclo o hitoriador Bernardo Máiz, Catedrático de Ensino Medio no IES "Concepción Arenal" de Ferrol, e membro do Colectivo "Memoria Histórica Democrática". Como broche de ouro, actuarán Mini e Mero, membros da formación musical A Quenlla, que levan corenta anos recollendo a nosa memoria popular e tradición oral: contos, romances, cantigas... A Historia viva.

Lara Rozados Lorenzo


1/5 (1 votos)