Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Vitoria Iglesias, voceira da coordinadora galega da Marcha Mundial das Mulleres

"O feminismo non pode ser o privilexio dunhas poucas: a autonomía e a capacidade de decidir é un dereito común"

A organización feminista internacional, cuxa forza reside na súa colectividade, prepara unha manifestación para este domingo en Vigo.

A. Rodríguez - 09:00 19/10/2008

Dende a pasada terza feira 150 delegadas procedentes de 40 países distintos dos cinco continentes están reunidas en Panxón (Nigrán) para debater a situación da muller no mundo, no marco do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres que organiza a coordinadora galega. O domingo está programada unha marcha pola cidade, que sairá ás 12:30 horas da Praza do Rei, en Vigo.

Son mulleres chegadas de países e continentes ben distintos, e que se enfrontan, no día a día, a problemas diferentes, aínda que na súa base estea o mesmo: o sistema capitalista e patriarcal no que se sustenta a vida nunha sociedade globalizada.

"Conscientes somos de que 'antipatriarcado' soa como un termo demasiado abstracto para que a xente saiba o que queremos dicir", di Vitoria Iglesias, voceira da Coordinadora da Marcha no noso país, "pero estamos a falar dun forte substrato ideolóxico que mantén está fortísima estrutura".

Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo
Chamamos a Vitoria Iglesias cando estaba seleccionando os centos de libros que as delegadas de todos os países participantes na xuntanza trouxeron ao Encontro. Cunha voz pausada, atende o teléfono e senta a falar. Leva de pé dende as sete da mañá, dando voltas e traballando, como as demais integrantes da coordinadora galega da MMM, para que todo saia ben nas mesas de debate, as charlas, as xuntanzas... Os primeiros días fixéronlle un seguimento ao plano estratéxico da organización, despois as representantes das distintas rexións, por continentes, foron contando o acontecido estes dous anos (dende o Encontro de 2006, en Perú). Logo viña o debate interno, de organización. Para o sábado tiñan preparada un foro sobre a Soberanía Alimentaria e unha feira (que estará até o domingo en Vigo, na Praza da Estrela). O domingo, ás 12:30 horas parte a manifestación da Praza do Rei de Vigo, con milleiros de mulleres marchando baixo o lema 'Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres'.

Vieiros: A Marcha Mundial das Mulleres cumpre, dende que comezou a funcionar como tal, este ano unha década; e en Galiza oito anos xustos. Cando a Marcha comezou a súa andaina no noso país, no ano 2000, pensábase que o novo século e o novo milenio había significar tamén unha nova realidade para a muller, mais, agora, case unha década despois, mudou algo a situación?
Vitoria Iglesias: As reivindicacións das mulleres seguen a ser as mesmas do século pasado, os debates pendentes tamén seguen a ser os mesmos que hai máis de 20 anos. Naquela altura pensabamos que o novo milenio había ser o do cambio, pero a situación da muller a nivel social, económico e político agravouse. Hoxe en día é a economía a que manda sobre a sociedade, e a súa función globalizadora termina deixando na pobreza ou na fame a millóns de persoas, entre eles, millóns de mulleres. Hai un calendario moi urxente no que traballar. Queda aínda moito por andar.

Cales son eses desafíos aos que se debe arrepoñer o movemento feminista no contexto actual?
A nivel mundial, as mulleres enfróntanse día a día con situacións de violencia por todo o mundo. As delegadas chegadas a Vigo dos cinco continentes contaron cadanseus retos; en África, por exemplo, enfróntanse a cotío con situacións como o matrimonio concertado, a mutilación do clítoris nas nenas, a guerra e a violencia que conleva... En Asia falan do tráfico de nenas... Situacións que parecen ben afastadas da nosa realidade europea.

Daquela, cales son os desafíos aos que nos enfrontamos as mulleres no noso continente?
Eu penso que un dos principais desafíos é conseguir iguais dereitos para todas as mulleres. En cada país existe unha lexislación diferente, de tal xeito que nalgúns lugares as mulleres non teñen dereito a decidir sobre o seu corpo (falo, por exemplo de Irlanda ou Polonia), ou estas decisións están subxugadas a certos condicionantes, como sucede no Estado Español coa lei do aborto. Pensamos que o primeiro que se debe conseguir é a universalización dos dereitos dentro de Europa, tamén para as mulleres inmigrantes. O feminismo non se pode converter no privilexio dunhas poucas; a autonomía e a capacidade de decidir debe ser un dereito común a todas as mulleres; tamén a autonomía económica. E estou falando, por exemplo, do acceso a un traballo digno, cun soldo igualado ao dos homes, e con iguais horas, cousa que coas actuais regras do capitalismo é complicado de modificar, sobre todo agora que queren impoñer a xornada semanal europea das 65 horas. Con isto todo quero dicir que hai que igualar dereitos no eido privado, no público e no produtivo, e máis nestes momentos de crise, que aínda non sabemos canto vai durar, e que ha facer que aumente o paro, posibelmente en maior medida o feminino, xa que, co actual substrato ideolóxico, o varón ten prioridade.

Que acontece cando se xuntan todas, delegadas de centos de países ben distintos, e expoñen os seus problemas propios, as situacións ás que as mulleres se enfrontan nos cinco continentes, con cores de pel, linguas, fusos horarios distintos...
Moitas veces, cando contamos a nosa vida cotiá, podemos chegar a asustarnos de feitos como a mutilación das nenas, os casamentos concertados, a trata de mulleres... cando nós, dende a nosa perspectiva europea, temos outros problemas. Pero é que realmente o trasfondo é o mesmo. Fálase do clima de violencia que pode existir en certas rexións de África, nas guerras, fálase de violación de mulleres, pero aquí seguimos tendo o maltrato, a violencia machista, as violacións... Son manifestacións distintas dun fondo común: que nin homes nin mulleres cren na igualdade.

É, daquela, unha cuestión de educación (sempre se adoita botarlle a culpa á educación)?
Non. É unha cuestión de estrutura. 'Antipatriarcado' é un termo demasiado abstracto para que a xente saiba o que queremos dicir, pero o que realmente acontece é que capitalismo e patriarcado susténtase mutuamente e fan que os varóns sigan mantendo a súa superioridade. En Europa acéptase a teoría (homes e mulleres iguais), pero non se reflicte na práctica. As tarefas de coidado da familia e do fogar seguimos a facelas as mulleres, nós enfrontámonos máis ao traballo precario, ás situacións de violencia... O que acontece é que este substrato ideolóxico mantén unha estrutura fortísima.

E derrubalo non é doado...
É que é máis do que diso, porque ten implicacións culturais e implicacións nas estruturas económicas nas que se sosteñen as sociedades... Cambiar os modelos é complicado. Neste sentido, a importancia que ten a Marcha Mundial das Mulleres é que fai a súa loita como colectivo, en todos os países e cunhas reivindicacións vinculadas ao que cada sociedade demanda. O que acontece é que adoitamos ver o argueiro no ollo alleo, e non vemos no noso o fungueiro. Oímos o que sucede na outra banda do mundo e dicimos "Ui! Aí si que están mal!", pero resulta que aquí tamén temos as nosas eivas (maltrato, asasinatos, exclusión de determinados ámbitos e exclusión na loita polos postos de poder nos medios de comunicación, na política...). É unha batalla dura. O problema é que moitas veces se considera dado o paso cara a igualdade, pero a igualdade só está nas leis. Na práctica aínda non está.

A próxima xuntanza da Marcha a nivel mundial será no 2010. Aínda andan argallando se se ha facer unha única manifestación mundial, nun único lugar do mundo, ou varias. Tamén hai unha proposta de facer varias accións locais o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora.


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: