A cidade acollerá as actividades organizadas polo colectivo feminista, do 14 ao 21 de outubro. Tamén haberá actividades polas rúas, como unha manifestación.
Vigo é a cidade escollida pola Marcha Mundial das Mulleres para celebrar o seu VII Encontro Internacional, entre o 14 e o 21 de outubro, foro no que van participar delegadas chegadas dos cinco continentes e no que se agarda estean representados máis de corenta países.
A maior parte das sesións e os obradoiros hanse desenvolver na Residencia de Tempo Libre de Panxón, que a Secretaría Xeral de Igualdade cedeu á Marcha para o evento.
Os obxectivos deste ano
A Marcha Mundial das Mulleres celebra cada dous anos o seu Encontro Internacional, que reúne delegadas de todo o mundo. Este ano prevese que cheguen á cidade olívica máis de 150 mulleres, procedentes das coordinadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres; en total virán duns corenta países, mais este ano preténdese que participen, sobre todo, as máis novas, para que se sintan involucradas na Marcha, e fagan parte dos procesos de toma de decisións, asegurándose, deste xeito, o intercambio de experiencias.
Neste foro, ademais, a Marcha está no ecuador do Plano Estratéxico da Rede 2006-2010, aprobado no encontro de Perú en 2006, e é o momento de avaliar as actividades realizadas até agora e as metas acadadas. Ademais, quérese analizar os desafíos actuais do movemento feminista e definir as accións a desenvolver até 2010, ano no que se desenvolverá o seguinte encontro.
Algúns destaques do programa
Ademais das sesións das delegadas, no encontro haberá tempo para asistir, o día 18, a un Foro Internacional de Soberanía Alimentaria, no Centro Cultural Caixanova. Durante esta xornada, e o día a seguir, o 19 de outubro, terá lugar unha Feira de Soberanía Alimentaria na Praza da Estrela.
O mesmo domingo 19 celebrarase, ademais, unha manifestación que percorrerá as rúas de Vigo baixo o lema "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres".