O galardón, dotado con vinte mil euros, premia a mellor obra publicada en 2007 en calquera das linguas do Estado.
En Da Provincia á Nación (Xerais, 2007), Xusto Beramendi percorre a través de máis de 1200 páxinas a historia do galeguismo político e das súas reivindicacións, dende o século XVIII até hoxe. A ambiciosa obra, que de seguro ficará como referencia nos vindeiros anos, foi recollendo numerosos recoñecementos ao longo do ano, entre eles o Pedrón de Ouro, o Premio da Crítica, os premios Irmandade do Libro, os premios da AELG, mentres que foi finalista nos galardóns entregados pola Asociación de Editores.
Resulta gratificante, e até certo punto sorprendente, que nun momento de enconado debate identitario, o Ministerio de Cultura recoñeza a través do Premio Nacional de Ensaio precisamente unha obra que debuxa a construción do pensamento nacionalista periférico e da propia nación galega. O galardoado manifestou, de feito, a súa sorpresa polo premio, e cualificou de boa noticia que por primeira vez un libro en galego gañe este premio. Beramendi destacou, asemade, que o xurado premiase unha obra sobre o nacionalismo galego. O xurado do premio foi presidido polo director xeral do libro, Rogelio Blanco, e estivo conformado por, entre outros, José María Pozuelo, Paula Izquierdo e os gañadores das dúas últimas edicións, José González e Celia Amorós.
A súa análise parte do século XVIII, un periodo pouco estudado á hora de sentar as bases do pensamento galeguista, ""Non é que eu considere que o galeguismo político comece no XVIII", dicía nunha entrevista publicada coincidindo coa publicación do libro", "comeza nos anos corenta do século XIX. Pero estudar os anos finais do Antigo Réxime ten a vantaxe de coñecer que condicións obxectivas había en Galiza que favorecesen ou que entorpecesen o posible desenvolvemento dun movemento reivindicador de Galiza".
No libro defende a hipótese de que o pensamento nacionalista galego é "peculiar" pois é un movemento "moi precoz, e ademais xorde nunhas coordenadas ideolóxicas da esquerda liberal, o que non era frecuente en Europa". Beramendi explica isto na desgaleguización que sufriu a igrexa a partir do século XVI, "isto impide que á hora de opoñerse á revolución liberal colla unha vía de nacionalismo galego tradicionalista, porque para iso tería que asumir unha galeguidade que rexeita".
Beramendi analiza tamén o fracaso no proceso de construción nacional española, debido á condución que deste proceso fan a igrexa e outros sectores de ideoloxía conservadora, "a nación española vaise convertendo en algo cada vez menos atractivo para as clases medias e sobre todo para as clases traballadoras". Afonda igualmente na conversión do nacionalismo galego en movemento de masas, un paso que sitúa no tardofranquismo, na creación de UPG e PSG.