A obra de Sechu Sende, editada por Galaxia, recibiu o premio ao mellor libro do ano. O único que queda é o amor (Xerais), de Agustín Fernández Paz, foi elixido mellor libro infantil e xuvenil, mentres que Anxos Sumai foi recoñecida como a mellor autora do 2007
A Noite da Edición. organizada na Coruña pola Asociación Galega de Editores, elixiu ás obras máis destacadas do 2007 no país. Made in Galiza (Galaxia), de Sechu Sende, foi escollido como mellor libro do ano (Premio Ánxel Casal), superando aos outros dous candidatos, De provincia a nación. Historia do galeguismo político (Xerais) de Xusto Beramendi, e Para que serve a Historia de Galicia? (Edición Lóstrego), de José Carlos Bermejo Barrera.
En canto ao premio ao Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil, o gañador foi O único que queda é o amor (Xerais), de Agustín Fernández Paz, ficando como finalistas Minimaladas, de Carlos López (Xerais) e Xela volveuse vampira!, de Fina Casalderrey (Baía Edicións). Pola súa banda, Anxos Sumai foi recoñecida como a mellor autora do ano, obtendo máis votos que Agustín Fernández Paz, Pepe Carreiro e Suso de Toro.
Premios á tradución, á ilustración e á promoción editorial
Xavier Senín gañou o Premio Lois Tobío ao mellor libro traducido, con A Odisea, editado por Rodeira. Mentres, Baía Edicións fíxose co premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado por Guía de mamíferos de Galicia, ilustrado por Carlos Silvar. Finalmente, o Salón do Libro de Pontevedra foi considerado o labor de promoción editorial máis sobresaliente 2007, por diante do programa da Radio Galega As Quimbambas, do suplemento literario de Tempos Novos Pretexta e da sección de Cultura do Galicia Hoxe.
A Noite da Edición, na que estiveron presentes diversas autoridades, como Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura, Henrique Tello, Tenente Alcalde da Coruña, Salvador Fernández Moreda, Presidente da Deputación da Coruña, ou Laura Sánchez Piñón, Conselleira de Educación, serviu igualmente para homenaxear, no apartado de Edición Histórica os editores de A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora.