Homenaxeouse a Rubén García, director da Mostra de Teatro de Ribadavia, que recibiu un sentido aplauso de varios minutos de duración.
A Cea das Letras da Asociación de Escritores en Lingua Galega entregou o sábado os premios aos autores máis destacados do ano, elixidos polos propios asociados. Houbo sorpresas, como a escolla de Marica Campo e os sonetos do seu Sextinario como a mellor obra poética da tempada, superando a Chisco Fernández Naval ou a Miguel Anxo Fernán-Vello. Ou que o Soño da Febre de Miguel Anxo Murado fose considerada a mellor obra narrativa nun ano no que o Made in Galiza de Sechu Sende fora acaparando todos os premios.
Si eran esperados por todos os premios para Agustín Fernández Paz, por O único que queda é o amor na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil; ou o recoñecemento a De provincia a nación: historia do galeguismo político de Xusto Beramendi como o mellor ensaio do 2007.
En canto á tradución, foi premiado o traballo de Yolanda Vilarchao nos Poemas canónicos de Konstantinos Kavafis, editados en galego por Rinoceronte. E en teatro, o gañador foi Millán Picouto, pola súa obra Ciclo de Marte. Finalmente, Xosé Luis Méndez Ferrín fíxose co premio de 'literatura xornalística', un galardón entregado pola AELG e máis polo Colexio Profesional de Xornalistas.
Nunha noite na que houbo destacadas ausencias, o momento máis emotivo chegou coa entrega do premio de honra a Rubén García, creador e director da Mostra de Teatro de Ribadavia, e que tamén foi premiado hai unhas semanas na gala dos María Casares. García, que sofre unha enfermidade dexenerativa, recibiu un aplauso unánime que durou varios minutos, e co que os asistentes á Cea das Letras quixeron recoñecer a achega que a Mostra de Ribadavia e o propio Rubén García veñen realizando ao teatro galego nas últimas décadas.