O seu partido, BZÖ, que acadou o 11% dos votos nas pasadas eleccións, fica nunha difícil situación.
O líder ultradereitista austríaco Jörg Haider, da Alianza polo Futuro de Austria (BZÖ), morreu a noite do venres dun accidente de tráfico. Haider fora o principal representante do ascenso da extrema dereita no país centroeuropeo durante os anos 90.
O político, de 58 anos, apareceu dentro do vehículo con feridas graves na cabeza e no tórax. Haider viaxaba só no coche e as causas concretas do accidente aínda están pendentes de investigación. Só se sabe que tiña previsto asistir ao 90 aniversario da súa nai.
A situación dentro do partido que fundou é agora complicada. En declaracións á BBC, o seu número dous, Stefan Petzner, asegurou: "Para nós é a fin do mundo".
Haider acadou notoriedade a principios dos 90, ao mando do seu anterior partido, o FPÖ (Partido Liberal), co que se converteu en gobernador de Carintia, onde se produciu a súa morte. No seu cargo gabou as políticas de emprego do partido Nazi.
No ano 2005, fundou o BZÖ, que nas últimas eleccións parlamentarias, que tiveron lugar en setembro, obtivo o seu mellor resultado, cun 10,7% dos votos e 21 escanos.