Un ano despois das denuncias sobre a inexistencia de seguimento regular dos residuos, o goberno español responde á fin sobre os programas de vixilancia na zona.
En resposta a unha pregunta presentada no Congreso por Francisco Jorquera, deputado do BNG, o goberno español explica que o Consello de Seguridade Nuclear, que ten a a función de controlar e vixiar a calidade radiolóxica do medio ambiente en todo o Estado, "non detectou concentracións de radionucleidos que fagan sospeitar dispersión dos materiais almacenados na foxa atlántica". Segundo explica o executivo estatal, o Consello conta con sete estacións de seguimento para a toma de mostras no Atlántico, dun total de 17 en todo o litoral, e realiza mostras "de xeito trimestral".
O Bloque presentara recentemente un novo requirimento ao goberno español ao respecto deste tema, xa que existen advertencias da propia Organización Marítima Internacional de que non se está realizando ningún seguimento regular sobre o estado do cemiterio nuclear. Trátase dun área próxima á costa de Galiza onde se guindaron milleiros de toneladas de residuos radiactivos procedentes de centrais nucleares de toda Europa.