O senador do BNG lembra que non se está a facer ningún seguimento regular sobre a situación das máis de 140.000 toneladas de residuos radioactivos depositados a pouco máis de 600 quilómetros da costa galega
O senador do BNG, Francisco Jorquera, ven de presentar unha pregunta na que lle solicita ao Goberno Central que informe sobre o estado no que se atopa o cemiterio nuclear da Foxa Atlántica e, consecuentemente, do posíbel nivel de afectación ao medio mariño e ás poboacións costeiras.
En total, calcúlase que nesta foxa están depositadas máis de 140.000 toneladas de residuos altamente radioactivos “almacenados en bidóns e sen ningún tipo de control sobre a súa perigosidade”.
Por iso, o representante do BNG na Cámara Alta considera que “dado o gran volume de residuos radioactivos e as súas precarias condicións de almacenamento faise necesario realizar un informe sobre a situación na que se atopa este cemiterio nuclear e a súa posíbel afectación ao medio mariño”.
Neste sentido, Francisco Jorquera pergunta ao Goberno Central se realizou algún seguimento sobre o estado destes residuos e, en caso afirmativo, pédelle que faga públicos os resultados.
Asimesmo, demándalle ao Goberno se non considera realizar un seguimento regular deste cemiterio nuclear, “dado o elevado grao de perigosidade e as precarias condicións de almacenamento”.