Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ausencia de seguimento dos vertidos

Que foi do lixo radioactivo que guindaron á Foxa Atlántica?

"Defender o mar, salvar a vida" foi bandeira hai anos do Xurelo na denuncia duns vertidos dos que 25 anos despois se descoñece exactamente o seu estado.

Redacción - 09:00 19/06/2007

En setembro de 1981 saíu do porto de Ribeira o palangreiro Xurelo camiño da Foxa Atlántica. O obxectivo era denunciar que varios países europeos estaban botando aló, apenas a trescentas millas das nosas costas, un feixe de residuos radioactivos.

Máis de vintecinco anos despois, René Coenen, secretario da Organización Marítima Internacional, OMI, relatou esta semana en Compostela que os vertidos que permanecen desde aquela no fondo do mar non son na actualidade obxecto dun seguimento "regular". Coenen recoñeceu que aos gobernos implicados neses vertidos permíteselles non realizar informes ao respecto e de contar con eles nin sequera teñen a obriga de enviarllos á Axencia Internacional da Enerxía Atómica, organismo con competencias internacionais nesta materia.

Coenen participa esta semana en Santaigo na xuntanza do Grupo Científico do Convenio de Londres, onde investigadores chegados de dúas ducias de países analizan entre outras cousas o estabelecemento de alternativas que eviten que o mar sexa un depósito de residuos e que reduzan os efectos destes vertidos cando se producen. Desde 1993 os residuos radioactivos están estritamente prohibidos. Malia iso, a lexislación internacional permite botar ao mar residuos de sumidoiros, da pesca industrial e plataformas pesqueiras, material de drenaxe e outros residuos varios. Así e todo, desde a OMI subliñan que non hai "cheques en branco" e que se trata de estabelecer regulamentos estritos para este lixo. O obxectivo concreto do Grupo Científico é o desenvolvemento de alternativas que "limiten o impacto no medio mariño".


4,94/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: