A Coordinadora para a Prevención da Tortura presentou esta fin de semana en Bilbo o seu relatorio anual a nivel estatal.
O relatorio publícase por cuarto ano consecutivo
A Coordinadora para a Prevención da Tortura (CPT) presentou este sábado en Bilbo (Euskadi) o seu relatorio A Tortura no Estado Español, correspondente ao ano 2007. As denuncias recollidas no informe, elaborado por cuarto ano consecutivo, axústanse á definición da Convención da ONU. En total, rexistráronse 319 novos casos con 689 persoas afectadas.
No entanto, a CPT salienta que o número real de casos de malos tratos/tortura é superior ao que reflexa o estudo, xa que hai un número indeterminado de denuncias das que non se ten coñecemento, así como outras das que este se dá unha vez elaborado o informe. Así, por exemplo, o Relatorio de 2004 rexistrou 755 denuncias, aínda que a día de hoxe a CPT ten constancia de que o número exacto é 917.
Noutros casos, a CPT si ten coñecemento mais non se inclúen ben por petición expresa da persoa agredida, ben porque a información recibida é insuficiente ou non está debidamente contrastada. Por último, cómpre ter en conta que moitos casos de tortura non se denuncian, sinalan.
Aumenta o medo a denunciar
"Constatamos que esta situación de non denunciar as agresións sufridas, que até agora era habitual en migrantes sen documentos e en persoas presas, aumenta en persoas que son agredidas por participar en mobilizacións sociais.", afirman dende a CPT.
Con 16 denuncias e 41 persoas afectadas, Galiza sitúase en sexto lugar na listaxe das zonas onde se producen máis casos, precedida de Cataluña, Madrid, Andalucía, Euskadi e País Valenciano. No entanto con respecto ao número de habitantes, Melilla lidera a clasificación.