Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

Carta da Coordenadora para a Prevención da Tortura

Carta enviada pola Coordenadora para a Prevención da Tortura ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e á presidenta do parlamento, Dolores Villarino.

- 08:24 10/12/2005
Tags:

O 17 de Maio de 2005, o Congreso dos Deputados aprovou por esmagadora maioria (307 votos a favor, 1 en contra e 1 abstención) unha moción pola que se concedia ao Governo español un prazo de seis meses para pór en marcha medidas que garantan a protección dos direitos humanos en cárceres e outros centros de detención. Medidas como a gravación en vídeo dos detidos durante o período de incomunicación ou a presenza de médicos e profisionais que velen para que eses maus tratos non se produzan.

En concreto, a moción instava o Governo a proceder às accións oportunas con obxecto de ratificar e aplicar de imediato o Protocolo Facultativo da Convención contra a Tortura, constituindo sen demora o Subcomité para a Prevención da Tortura onde se integrarán as asociacións defensoras dos Direitos Humanos, asi como desenvolver unha política integral para prevenir, reaxir con firmeza e rapidez e protexer a vítima frente aos tratos cruéis, desumanos ou degradantes.

Transcorridos os seis meses nengunha destas medidas foi posta ainda en prática:

O Governo español asinou o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas en Abril de 2005, en Nova York, e anunciou a sua imediata ratificación. Os pasados dias 4 de Outubro e 2 de Novembro, o Congreso de Deputados e o Senado, respectivamente, autorizaron o Governo para proceder a esa ratificación mais até hoxe o Protocolo non foi ratificado nen se anunciou a data en que poderia vir a ratificar-se.

Por outra parte, non se observa vontade real algunha para pór en funcionamento medidas para a prevención da tortura que veñen sendo reiteradas por organismos internacionais como o Comité Contra a Tortura das Nacións Unidas, o Relator especial para a cuestión da Tortura da ONU e o Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, entre outros.

En datas recentes, os partidos políticos con maioria no Senado e Congreso dos Deputados, PSOE e PP rexeitaron nos parlamentos vasco e navarro, as propostas de modificacións lexislativas encamiñadas à implantación de algunhas desas recomendacións de organismos internacionais para a erradicación da tortura como son a gravación das persoas detidas durante o período de detención.

Continuan tomando-se medidas políticas que favorecen a impunidade dos torturadores. A última delas, por agora, o indulto parcial, aprovado o pasado mes de Novembro polo Consello de Ministros das penas impostas a catro xentes da polícia municipal de Vigo por detención ilegal e agresión a un cidadán senegalés, Sr. Mamadou Kane, con o resultado de anular de facto a sentenza ditada, xa que estes axentes non ingresarán en prisión e poderán reincorporar-se aos seus antigos postos de traballo como axentes policiais.

Persisten as reiteradas tentativas das autoridades estatais, autonómicas e locais de minimizar, cando non negar directamente, os casos de maus tratos e tortura. O número de persoas mortas sob custódia en prisións, comisarias e cuarteis da Guarda Civil continua aumentando de forma imparável, circunstáncia que recollen todos os relatórios que se publican sobre a situación dos Direitos Humanos no Estado Español. O último, o do Comisário Europeu para os Direitos Humanos, Álvaro Gil-Robles, que, entre outros dados, cita por exemplo 178 denúncias por maus tratos durante o ano 2004 contra a Polícia Local de Valéncia, 32 contra axentes municipais de Bilbo ou 43 contra a Polícia Municipal de Madrid.

Neste sentido, durante o ano 2004, esta Coordenadora para a Prevención da Tortura tivo coñecimento de 793 denúncias por tortura e/ou maus tratos (24 delas na Galiza).

Institucionalmente foron recoñecidas 241 mortes en prisión (delas 48 por suicídio). Nos primeiros dez meses do presente ano, as denúncias por tortura e/ou maus tratos coñecidas aproximan-se às 600 e as persoas que morreron en prisión ultrapasan xa as 199 (delas 37 por suicídio). A estas cifras hai que somar o número de persoas mortas en comisarias, cuarteis ou accións policiais.

Por todo isto, frente à política de bonitas palabras sen concreción algunha nos feitos, a Coordenadora para a Prevención da Tortura dirixe-ve a V., para solicitar inste o Governo español a

- ratificar de imediato o Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, recordando-lle que este ano o 10 de Decembro, Dia Internacional dos Direitos Humanos e aniversário da Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, estará especialmente dedicado à luita contra a tortura.

- tomar sen demora as medidas reclamadas reiteradamente por instituicións internacionais, entre elas o Relator Especial para a Cuestión da Tortura das Nacións Unidas, do Comité contra a Tortura da ONU e do Comité para a Prevención da Tortura do Consello de Europa, e mui especialmente o desaparecimento das situacións de detención incomunicada e privación de liberdade en isolamento.

pór en marcha os mecanismos para a prevención da tortura previstos no Protocolo Facultativo à Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, sen necesidade de aguardar a aplicación oficial do Protocolo, asi como de medidas que garantan a plena independéncia destes mecanismos.
concretizar os mecanismos de participación das asociacións defensoras dos Direitos Humanos nestes mecanismos de prevención da tortura, para o que deverán ser ouvidas estas asociacións e, mui especialmente aquelas que –como as que forman a Coordenadora- traballan mais especificamente na erradicación da tortura.

A Coordenadora para a Prevención da Tortura reitera a sua vontade de permanecer vixilante para garantir a transparéncia de todo o proceso e compromete-se perante a opinion púbica a denunciar calquer tentativa de desvirtuar os mecanismos de prevención da tortura reclamados pola própria Coordenadora, asi como polas instáncias estatais e internacionais.

Compostela, 7 de Decembro de 2005

Pola Coordenadora para a Prevención da Tortura, Fernando Martínez Randulfe, presidente de EsCULcA.

A Coordenadora para a Prevención da Tortura, está formada por:
Acció dels Cristians per l'Abolició de la Tortura, Alerta Solidària, Asociación APOYO, Asociación Érguete, Associació Catalana per la Defensa del Drets Humans, Associaçaõ Contra a Exclusão pelo Desenvolvimento, Asociación Contra la Tortura, Asociación para la Defensa de los Derechos de la Infancia, Asociación Libre de Abogados, Associació Memòria Contra la Tortura, Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, Asociación de Solidaridad y Apoyo a los Presos de Aragón, Behatokia (Observatorio Vasco de Derechos Humanos), Centro de Asesoría y Estudios Sociales, Centro de Documentación Contra la Tortura, Comissió de Defensa del Collegi Barcelona, Comité Anti-Sida de Lugo, Concepción Arenal, Coordinadora Antirepressiva de Gràcia, Coordinadora de Barios de Madrid, Coordinadora Estatal de Solidaridad con las Personas Presas, Esculca (Observatório para a defensa dos direitos e liberdades), Federacion de Asociacións de Loita contra a Droga, Fundación Érguete, Institut Drets Humans de Catalunya, Movemento polos Dereitos Civis, Observatori del Sistema Penal i els Drets Humans, Pastoral Penitenciaria de Lugo, PreSOS Extremadura, PreSOS Galiza, SalHaketa (Bizkaia), SalHaketa (Araba), Torturaren Aurkako Taldea, Torturaren Kontrako Taldea, Voluntariado Penitenciario de Lugo, Xustiza e Sociedade


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: