Son Gómez Noya e Iván Raña, David Cal, Echávarri e Paz e, se o confirma a Federación Española de Atletismo, Sandra Aguilar.
Esta cuarta feira 30 de abril comeza a conta atrás, dende cen, para que dean comezo as Olimpíadas de Beixín 2008 e, polo de agora, só seis deportistas galegos teñen o seu pase olímpico asegurado. Mais aínda quedan días por diante para que os que non certificaron a súa clasificación olímpica apuren as súas últimas opcións.
Galiza ten, arestora, unha chea de posíbeis olímpicos, pero xa hai quen ten confirmada a súa participación nos Xogos: os triatletas Javier Gómez Noya e Iván Raña; os regatistas Antón Paz e Fernando Echávarri; o palista David Cal; e a atleta Alessandra Aguilar, que se uniu á listaxe após conseguir a mínima olímpica no maratón, mais aínda falta que a Federación Española dea o seu visto e prace.
Moitos, que se vían como posíbeis, tiveron que renunciar ao soño olímpico, (como a taekwondista Andrea Rica, que non conseguiu praza olímpica porque non a había para o seu peso; e o regatista Chuny Bermúdez ou o loitador Nicolás Castro, que quedaron sen cadanseu pasaporte), mais aínda quedan preto de 30 deportistas galegos con opcións. Velaquí van.
No triatlón
Ademais do campionísimo Gómez Noya (que non puido estar en Atenas por impedimentos da Federación) e de Raña (que foi quinto e Sidney, mais en Atenas foi vixésimo terceiro, e chega a Beixín con 28 anos), está por aí Pilar Hidalgo, coas opcións contadas. A ceense aínda non renunciou a conseguir a clasificación, aínda que este ano, por mor dunha lesión, non puido participar nalgunha das principais probas.
No piragüismo
É o deporte que máis galegos aportou sempre ás Olimpíadas e ás principais competicións internacionais. Alén de Cal (que vai competir en C-1 1.000 e 500 metros), os e as palistas galegas teñen posibilidades de poder ir a Beixín se conseguen praza no vindeiro Campionato de Europa, que se ha desenvolver en Milán o 16, o 17 e o 18 de maio. Xa houbo varias preseleccións, e polo de agora poden conseguir o seu pasaporte olímpico Carlos Pérez (que rema con Craviotto en K-2 500 e 1.000 metros; e en K-4 con Craviotto, Llera e Vindel); Jovino González (K-1 500 metros); Miguel Rodríguez Galván e André Oliveira (en C-2 500 metros) e Fredi Bea e David Mascato (C-2 1.000 metros). Entre as mozas contan con opcións Teresa Portela (en K-1 500) ou Sonia Molanes (que rema con Bea Manchón en K-2). Ámbalas dúas tamén forman parte do equipo estatal feminino en K-4.
No atletismo
A única galega polo de agora clasificada é a luguesa Sandra Aguilar, no maratón. Mais aínda hai xente con posibilidades, como Lolo Penas, que vai buscar a marca nos 5.000 metros o vindeiro 2 de xuño na Coruña. Tamén ten posibilidades o vigués Santi Pérez (que ha tentar facer a súa mellor marca nos 50 quilómetros na Copa do Mundo en Rusia o vindeiro 10 de maio), e David Gómez, decatleta, que está a poucos puntos de conseguir a mínima para Beixín, o seu obxectivo deste ano.
Tamén teñen posibilidades, aínda que contadas, Eva Arias, en 5.000; Dolores Pedrares, en martelo; Gustavo Dacal, en xavelina; ou Begoña Garrido, en 400 metros.
No remo
Non hai praza ningunha asegurada, aínda, pero fálase das opcións de Xoán Zunzunegui, Jesús González ou Carlos Loriente e Sonia Boubeta.
Ciclismo
Óscar Pereiro está incluído na primeira listaxe do seleccionador estatal Francisco Antequera, pero aínda falta ver os seus progresos e os do resto de preseleccionados, nas principais probas da tempada. O fillo de galegos, Xosé Antonio Hermida xa está clasificado en bicicleta de montaña.
No baloncesto e no voleibol
É posíbel que no baloncesto se premie a espectacular tempada que está a facer a viguesa Tamara Abalde na liga universitaria norteamericana. As mozas xógano todo no preolímpico de Madrid, do 9 ao 10 de xuño. Polo seu lado, Fran Vázquez ben podería ir seleccionado cos mozos, que xa están clasificados, pero todo depende do seu rendemento no Barça, que ultimamente non está a ser moi bo.
No voleibol a selección española podería conseguir a clasificación no mundial (que se disputa en Dusseldorf a finais de maio), e polo medio está o xogador vigués Kike de la Fuente.
Todo isto sen esquecer aos dous parolímpicos xa clasificados en natación, Pablo Cimadevila e Chano Rodríguez.