A ferrolá podería ser seleccionada de entre as novas promesas do baloncesto europeo. Até o de agora leva a mellor marca da liga universitaria norteamericana, na que xoga.
No partido no que anotou 44 puntos
A FIBA Europa anunciou esta semana os candidatos a xogador e xogadora do ano, o galardón oficial da tempada 2007. Hai catro categorías: masculina e feminina e masculina e feminina de novas promesas. A este último opta a ex xogadora do Celta Vigourban, Tamara Abalde (Ferrol, 1989).
Unha galega que triunfa na mellor liga do mundo
A xogadora deixou este outono o baloncesto profesional galego e marchou a xogar á liga universitaria norteamericana, debutando coa Universidade de Lamar.
Na liga feminina universitaria dos EUA, a NCAA, Abalde adaptouse a correr, converténdose axiña nun dos referentes do seu equipo (á que máis balóns lle pasan) e anotou, na súa primeira semana de xogo, o mellor rexistro da universidade (44 puntos nun só partido contra o Willey College).
Polo premio de novas promesas compite tamén con outra xogadora estatal, Silvia Domínguez, que xoga no Perfumerías Alameda de Salamanca. A votación péchase en xaneiro e os gañadores serán anunciados na web da FIBA Europa.
Pódese votar aquí (quen se rexistre pode gañar unha camisola asinada polos xogadores do Eurobasket 2007, celebrado en setembro en varias cidades do Estado Español).