Xunto con eles outros sete deportistas individuais do Estado Español e máis a selección de baloncesto han ter as axudas meirandes para facer un bo papel nos XXOO.
O piragüista David Cal e os regatistas Fernando Echávarri e Antón Paz son os únicos deportistas galegos que figuran na listaxe de dez nomes, ademais do colectivo da selección española de baloncesto, que han recibir este ano a bolsa máxima que contempla o plan ADO para preparar a súa participación nos Xogos Olímpicos de Beixín. Son 60 mil euros para cada un deles.
Os outros nomes, até chegar aos dez que máis han cobrar
Xunto cos deles aparecen os nomes do ciclista Joan Llaneras, os regatistas Mónica Azón, Sandra Azón, Graciela Pisonero e Rafael Trujillo, e os taekwondistas Juan Antonio Ramos e Brigitte Yagüe, ademais dos doce compoñentes da selección de baloncesto masculina, actual campioa do mundo.
En total beneficiaranse das axudas do Consello Superior dos Deportes uns 460 atletas e técnicos, 15 menos que hai catro anos, en Atenas 2004. O orzamento total do programa ADO para este ano ascende a 14,3 millóns de euros, englobados nos 60 millóns do ciclo olímpicos 2005-2008.
Até o de agora, só catro olímpicos galegos
En total, con Cal, Echávarri, Paz e Xavier Gómez Noya (que non vai recibir unha destas axudas máximas), xa son catro os deportistas galegos clasificados para as Olimpiadas de Beixín 2008. En todo o Estado clasificáronse xa 142 deportistas para Beixín, entre eles tres equipos masculinos; o de baloncesto, o de hóckei e o de waterpolo.
Por Galiza tamén están clasificados para as Parolimpiadas os nadadores Pablo Cimadevila e Chano Rodríguez.