Finalmente, accederon ao inmóbel para comprobar o estado de conservación, no que podería ser paso previo á declaración como Ben de Interese Cultural e mesmo a expropiación.
Tal e como os tribunais estabeleceron no seu momento, a familia Franco tiña a obriga de, como moi tarde este mesmo xoves, facilitarlle aos técnicos de Patrimonio a entrada ao Pazo de Meirás. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou que a Consellaría de Cultura poida realizar a documentación técnica e fotográfica do estado de conservación do inmóbel. Trátase do requirimento necesario para a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Un arquitecto, unha historiadora da arte e un arqueólogo integran o equipo que desde primeira hora deste xoves revisou o interior do Pazo coa fin de elaborar o correspondente informe. Trátase dos mesmos técnicos que xa intentaran acceder o pasado 30 de agosto e aos que a familia Franco lles impediu entrar.
No estremo de que se comprobe que os seus propietarios, os herdeiros de Francisco Franco, incumpriron os deberes mínimos de protección e conservación xeral, o chanzo seguinte podería ser a recuperación para a titularidade pública. Así, unha vez completado o proceso actual, e segundo permitiría a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 1995, a Xunta podería tramitar a expropiación forzosa da propiedade.
Un ben reclamado para "o patrimonio público"
Desde a Consellaría de Cultura indican que a tramitación do informe levará aínda tempo e láianse de que houbera que recorrer á vía xudicial para que Patrimonio puidese entrar no Pazo. Con todo, desde Cultura recoñecen a satisfacción por poder finalmente completar un paso máis neste proceso e repróchanlle aos herdeiros de Franco que agardasen até o último día do prazo estabelecido polos tribunais para permitir finalmente o acceso.
Por outra parte, o alcalde de Sada, o nacionalista Abel López Soto, comentaba este xoves para Vieiros que se trata dunha decisión que a administración debera ter tomado hai anos e expresaba tamén a satisfacción polo feito de que á fin se siga avanzando no proceso. O rexedor agarda que a medio prazo sexa á fin posíbel que o Pazo de Meiras "pase a ser patrimonio público".