O alcalde de Sada considera que a sentenza "sitúanos máis perto" de conseguir que o inmóbel "sexa declarado como Ben de Interese Cultural".
Vista aérea do pazo
O alcalde da localidade de Sada, Abel López Soto, celebrou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lle dese a razón á Consellaría de Cultura ao permitir que esta acceda ao interior do Pazo de Meirás para inspeccionalo.
López Soto considerou que, "aínda que é unha resolución que se adiou e que se levaba agardando moito tempo", é unha "satisfacción" que demostra que o Concello de Sada e o Goberno "tiñan a razón e estaban no bo camiño".
"Esta sentenza sitúanos un paso máis perto de conseguir que o Pazo de Meirás sexa declarado como Ben de Interese Cultural, o que permitirá que todos gocemos del e obrigará a que tomemos medidas para a súa conservación", dixo.
Ademais, o alcalde sadense salientou o feito de que, segundo a sentenza, se estabeleza como prazo límite antes do verán para que as partes se poñan de acordo na data da inspección, unha circunstancia "esperanzadora" para que se finalicen "o antes posíbel" todos estes trámites.