A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña esixe a súa devolución ao patrimonio publico, a dous días do cabodano do patriarca dos Franco, actuais propietarios do inmóbel.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña marcha este domingo cara ao Pazo de Meirás para esixir a súa "devolución ao pobo galego".
Os asistentes prevén chegar ao pazo, no Concello de Sada (A Coruña) ao redor das 12.30 horas, dous días antes de que se cumpran 32 anos do falecemento do ditador Francisco Franco. Na actualidade o inmóbel pertence a súa familia.
Con esta iniciativa queren "esixir a devolución dun ben cultural tan importante espoliado do pobo de Sada". Así, sinalan que estes feitos "non se poden permitir nun Estado democrático".
A Consellaría de Cultura tramita desde hai máis dun ano a apertura do expediente para declarar o pazo ben de interese cultural (BIC), que se está atrasando pola oposición da súa propietaria, Carmen Polo, a permitir que os técnicos da Xunta entren nel.
O informe que determine o seu estado é un trámite imprescindíbel para a declaración BIC, que obrigaría a abrir ao público o pazo e os seus xardíns un mínimo de catro días ao mes.