Os técnicos da Consellaría de Cultura poderán acceder ao inmóbel e comprobar o estado de conservación.
Flickr.com: edans
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza resolve en favor do Goberno e garante o permiso para os técnicos da Consellaría de Cultura, que poderán así entrar no Pazo de Meirás. O tribunal unicamente subliña que o traballo a realizar se limitará á documentación técnica e fotográfica do estado de conservación do inmoble e estabelece que deberá realizarse sen publicidade.
Xa que logo, a Xustiza bota abaixo as argumentacións realizadas polos avogados de Carme Franco Polo, filla do ex ditador, que bloquearan até o de agora o inventariado do Pazo de Meirás. O TSXG xa desestimara un primeiro recurso o pasado mes de outubro, advertíndolle á familia que o dereito privado á "inviolabilidade do domicilio" co que xustificaban o feche, non pode poñerse por riba dunha decisión administrativa "cando o demanda o interese público". Os maxistrados xa recoñeceran daquela o dereito á entrada no pazo dos técnicos de Cultura.
Paso previo á declaración BIC e á posíbel expropiación
A revisión do estado de conservación do pazo é un chanzo previo á súa declaración como Ben de Interese Cultural.
Posteriormente, a lexislación vixente, en concreto, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 1995, permite a posibilidade de que poida ser expropiado forzosamente por parte da Xunta no caso de que se comprobe que os propietarios incumpran as obrigacións de protección e conservación xeral.