Fernando Morán, actor e veciño da parroquia, foi o encargado de ler o comunicado ao final da marcha cívica organizada este domingo.
II Marcha cívica pola devolución ao pobo do pazo de Meirás. 18 novembro 2007
Devolver ao pobo o que é do pobo
Moitas grazas pola vosa asistencia a este acto cívico co que queremos facer oír a nosa esixencia de reintegración ao pobo do pazo de Meirás.
A propaganda oficial da ditadura mentiu durante corenta anos, pretendendo facer crer que o pazo de Meirás foi adquirido por subscrición popular e regalado a Franco. A verdade é que esa subscrición foi un fracaso porque o pobo non participou naquela farsa. O conseguido foi o resultado dunhas retencións forzosas de parte do salario de moitos traballadores, con todo tipo de presións e ameazas. Como eses cartos recadados non foron dabondo para adquirir o pazo, facer as reformas e mercar o mobiliario, as autoridades franquistas obrigaron aos concello a aportar o 5% do que ingresaban polo cobro da contribución. Así está recollido no libro Historia Contemporánea de Galicia, no capítulo sobre O franquismo en Galicia, do profesor Eduardo Rico, da Universidade de Santiago de Compostela.
Sabemos tamén por ese libro que a iniciativa para mercar o pazo partiu das autoridades franquistas e de empresarios, que foron amplamente recompensados. Por iso Franco declaraba que “Nuestra Cruzada es la única lucha en que los ricos que fueron a la guerra, salieron más ricos”.
Mais non conforme coa finca adquirida á familia da escritora Emilia Pardo Bazán, recorreuse á expropiación forzosa doutras fincas, propiedade de veciños de Sada, ata acadar 10 hectáreas.
Todas estas operacións foron un auténtico roubo. En calquera país democrático de Europa, cando morre un ditador –como Hitler ou Mussolini- as propiedades que conseguiron no exercicio do poder pasaron ao Estado. Aquí non se fixo así e levamos 30 anos de retraso porque a chamada Transición deu un trato privilexiado á familia do ditador; a súa dona, Carmen Polo, recibiu unha pensión anual de 12,5 millóns de pesetas (8 cobraba, daquela, o Presidente de Goberno, Felipe González). Todos os membros da familia tiñan pasaporte diplomático e a súa filla, Carmen Franco, foi denunciada por contrabando en 1978 cando intentaba, desde o aeroporto de Barajas, levar xoias e outros obxectos fóra de España. Aínda hoxe están en poder da familia Franco os regalos que recibía como Xefe do Estado. Non contentos con estes privilexios, seguen a facer negocios, vendendo estas propiedades, participando en numerosas empresas e teñen unha fortuna que supera os 600 millóns de euros.
Non podemos permanecer indiferentes mentres o pazo de Meirás continúe sendo unha propiedade particular da familia Franco; non podemos permitir que sigan engordando unha fortuna, que é froito da espoliación de traballadores e veciños.
Apoiamos as iniciativas do concello de Sada e da consellaría de Cultura da Xunta para que sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Reclamamos a devolución inmediata deste pazo aos seus lexítimos propietarios, é dicir, ao pobo, para que engrose o patrimonio público ao servizo de toda a cidadanía.
¡DEVOLUCIÓN, XA, DO PAZO DE MEIRÁS!