Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Coa súa mítica frase, xa na historia do ciclismo galego, "Imos indo, imos vendo"

Ezequiel Mosquera é o líder indiscutíbel do novo Karpin Galicia

Con posibilidades de poder participar no Giro, e con menos corredores, pero con xente máis nova e forte, presentouse "en sociedade" o equipo de Álvaro Pino.

Antía Rodríguez / Vídeo: Lucía Iglesias - 13:00 25/01/2008
Parte dos ciclistas do novo KGZ

Parte dos ciclistas do novo KGZ

O Karpin Galicia presentábase no seu segundo ano no ciclismo profesional, e a cousa parecía moi seria, enlatada no luxo antigo, mais non decadente do Hostal dos Reis Católicos en Compostela. Pero os ciclistas viñan de adestrar, e aínda que moi ben peiteadiños, notábaselles na cara as horas de sol e de estrada que levaban enriba.

Presentaba o xornalista Terio Carrera, que sen parar de falar un segundo, dixo un por un os nomes dos 19 corredores que este ano compoñen o KGZ, un equipo máis novo, (pero non con por iso menos experiencia, segundo Álvaro Pino); con menos nomes e homes, pero no que resoa máis o nome colectivo.

Carrera tamén tivo un anaco para falar da actual situación do ciclismo, e salientou que, aínda que o KGZ naceu nun dos "momentos máis complicados" neste deporte, seguiu progresando e o "aprobou con nota" no seu primeiro ano no pelotón profesional.

Tamén lembrou a marcha, forzada, de Marcos Serrano, para el un dos deportistas galegos máis destacados das últimas dúas décadas, "espello de varias xeracións e vítima, nos últimos meses, dunha situación que ninguén acerta a entender".

Finalmente deu paso a un vídeo que lembraba a traxectoria do equipo profesional galego, con imaxes da Volta a Mallorca ou da 'Vuelta a España', roldas estas onde, curiosamente, aparecía a abreviatura do Karpin Galicia como KGZ en todos os cartaces e listaxes de equipos, e non como KG como turraron por poñer no vídeo os seus realizadores.

Mosquera, co seu "Imos indo, imos vendo" é o líder indiscutíbel do novo KGZ


Un a un foron desfilando os ciclistas...

Delio Fernández, "unha forza da natureza", dixo Carrera; o ruso Ysaychev, "que polo menos xa sabe o que é o Camiño de Santiago"; Jacobo Paleo, "o Zinedine Zidane da bicicleta"; Alberto Fernández, "o galletas", mais tamén, "un tipo moi forte en competición", Gustavo César Veloso, "un ciclista con moita clase"; Ramón Troncoso, "ambicioso, un dos máis combativos"; Gonzalo Rabuñal, "vaia susto nos deu a semana pasada... Un dos talentos en estado puro do ciclismo galego"; David Abal, "o máis novo de todos... del agárdanse moitas cousas positivas"; Juan Mourón, "o pupas, máis un destes ciclistas de raza, dos que fan que a afección de poña de pé"; Iban Mayoz, "ciclista de equipo"; Gustavo Domínguez, "outro dos combativos e queixóns"; Carlos Castaño, "un dos líderes do equipo, que o ano pasado estivo a piques de darnos moitas alegrías"; David Herrero, "un dos potenciais gañadores"; David García Dapena, "un corredor que o dá todo en beneficio dos compañeiros", Serafín Martínez, "detrás desta faciana de despistado agóchase un gran ciclista"... foron todos un por un para deixar de último a Ezequiel Mosquera, de quen Carrera dixo "é o líder do KGZ, de principio a fin e coa súa frase 'Imos indo, imos vendo' é xa un clásico dos estudos de filosofía e deporte, cunha expresión que reflicte humildade mais tamén profesionalidade".

Despois aínda subiron os catro masaxistas, os catro mecánicos, o preparador físico e máis o doutor, dos que viñeron seguidos Álvaro Pino, Jesús Blanco Villar e José Ángel Vidal Martínez, os tres directores deportivos.

Álvaro Pino: "Que isto sexa por moitos anos máis!"
O director deportivo do KGZ, quen dixo hai unhas semanas estar xa canso e querer pasar a un segundo plano, subiu con ánimo á palestra. Estaba sorrinte e dixo estar convencido de que o de que "este proxecto comeza a se consolidar seriamente".

Dando "por moi boa" a tempada 2007, dixo ser moi ambicioso para a do 2008, que han encetar o 9 de febreiro (co Tour de Langwaki, en Malaisia): "sabemos que é difícil, pero o noso obxectivo é mirar cara arriba, e superar o feito o ano pasado".

En canto ao novo equipo, dixo estar contento con el "pese a que perdemos experiencia, ao marchar corredores coma Nozal, Santos González, Jiménez e Serrano, temos catro novos con moitísimas ganas e ilusión... capaces de suplir a falta de experiencia". Aínda que lembrou que seguramente van botar de menos aos que xa non están en momentos puntuais, o obxectivo primordial deste ano é a 'Vuelta a España', na que asegurou non ter dúbidas de participar, posto que o seu dereito a estar "gañámolo o ano pasado na estrada".

O seu outro gran obxectivo: facer forte o equipo profesional galego, no Estado e tamén no Mundo, para que os rapaces novos "que veñen chamando á porta teñan un sitio de seu no profesionalismo".

Aúpa Karpin Galicia!
Así terminaba Pino, dándolle paso ao ex deportista ruso Valery karpin, quen deu a meirande parte dos cartos que fixeron falta o ano pasado para comezar co equipo, a pesar de non ter moita idea, segundo confesou, de que vai o ciclismo profesional.

O ex celtista e empresario da construción, que alén do KGZ, ten varios patrocinios (tamén lle dá cartos ao nadador Chano Rodríguez, ao clube de rugby da Universidade de Vigo e ao clube Vigo Voleibol Karpin, tamén co seu nome), tamén tiña un seu discurso preparado.

Polo medio do discurso, en castelán, mais con moito acento galego, un estraño galeguismo apoderouse del e amosouse convencido de que "os afeccionados galegos, coas nosas bandeiras" deben seguir ao KGZ polo mundo. "Agardo que o equipo funcione" e que "levedes a Galiza polo mundo", díxolles aos ciclistas, e terminou, "Témonos que sentir todos orgullosos de vós, e vós de Galiza".

Hai posibilidades de chegar a correr o Giro!
Nun par de días hase saber se a UCI lle concede a Wild Car ao equipo profesional galego. Con esta tarxeta o KGZ podería competir, situado nunha categoría intermedia entre os Pro Tour e os equipos Continental Profesional, e participar en destacadas probas do calendario Pro Tour, coma o Giro.

Pola posíbel participación no Giro preguntámoslle a Álvaro Pino durante a presentación, mais tamén á directora xeral para o Deporte, Marta Souto.

Tamén collemos ao máis noviño dos corredores do KGZ deste ano, David Abal, de 21 anos, que con esta fai a súa segunda tempada de profesional, que comezará coa Volta a Mallorca.

Velaí o vídeo, que comeza coas palabras de Pino:



5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ma presentación, Abal con Ánxela Bugallo e Valery Karpin
Ma presentación, Abal con Ánxela Bugallo e Valery Karpin
Mosquera, Pino e Abal cos patrocinadores do KGZ
Mosquera, Pino e Abal cos patrocinadores do KGZ
O KGZ do 2008 adestrando
O KGZ do 2008 adestrando
Ezequiel Mosquera, no centro, é o novo líder do KGZ, após a marcha de Serrano
Ezequiel Mosquera, no centro, é o novo líder do KGZ, após a marcha de Serrano
Jacobo Paleo, un dos novos, coa nova Orbea do KGZ
Jacobo Paleo, un dos novos, coa nova Orbea do KGZ
Familiares e amigos de Mosquera, animando ao seu favorito, na pasada edición da 'Vuelta'
Familiares e amigos de Mosquera, animando ao seu favorito, na pasada edición da 'Vuelta'
Nun dos adestramentos colectivos, a comezos de ano
Nun dos adestramentos colectivos, a comezos de ano