É un dos 21 equipos admitidos pola UCI na categoría Continental. Conforme avance o ano, podería mesmo situarse a unha categoría dos mellores do mundo, os Pro Tour.
Xunto co equipo profesional galego, do pelotón estatal foron admitidos tamén o Andalucía-Cajasur e o Nicolás Mateos-Murcia. Pola contra foi rexeitada inicialmente a solicitude do Relax e do Extremadura.
Até o de agora, son 21 os equipos que configuran a elite mundial do ciclismo na categoría continental, segundo recolle a UCI: Andalucía Cajasur, Grupo Nicolás Mateos e Karpin Galicia (Estado Español); o Elk Haus e o Team Volksbank (Australia); o Landbouwkrediet e o Topsport (Bélxica); o PSK Whirlpool (República Checa); o Mitsubishi (Estonia); o Agritubel (Francia); o Barloworld (Reino Unido); o Navigare e o LPR Brakes (Irlanda); o Acqua e Sapone e o Tinkoff (Italia); o Skil Shimano (Holanda); o Benfica (Portugal); o NGC Medical (Suíza); o BMC Racing e o Slipstream (EUA) e o Serramenti (Venezuela).
Estes 21 equipos, xunto cos 19 do Protour, constituirán a elite do ciclismo mundial para o 2008. O Karpin Galicia podería incluso situarse nunha categoría intermedia entre os Pro Tour e os equipos Continental Profesional no caso de que lle sexa concedida a wild card que solicitou, requisito indispensable no 2008 para disputar probas do calendario Pro Tour.
O equipo profesional galego tamén podería participar no Giro de Italia
O Karpin Galicia estivo na presentación do Giro de Italia en Milán o pasado día 1 de decembro, convidado pola organización. En representación do equipo galego acudiron ao acto Rodrigo Costas, mánager do equipo; e Álvaro Pino, primeiro director deportivo.
Neste encontro cos responsables da carreira transalpina, galegos e italianos acordaron que o KGZ presentase unha solicitude formal para participar na rolda italiana, a celebrar entre o 10 de maio e o 1 de xuño de 2008. A resposta coñecerase o mes que vén.
O KGZ na presentación da Volta a España 2008
O Karpin Galicia contará tamén cunha representación no acto de presentación da 'Vuelta a España', que se celebra esta cuarta feira no recinto do IFEMA, en Madrid. Alí van estar Valery Karpin, Álvaro Pino, Rodrigo Costas e os ciclistas Serafín Martínez e Carlos Castaño.