O corredor do Euskaltel-Euskadi vai militar na escuadra galega a partir da vindeira tempada.
O ciclista vasco de 26 anos Iban Mayoz formará parte das filas do Karpin-Galicia (KGZ), a partir da vindeira tempada, 2008, logo de chegaren as partes a un acordo.
Durante os dous últimos anos correu co mailló do Euskaltel-Euskadi, equipo ao que chegou procedente do Relax. Esta que vén vai ser a quinta tempada de Mayoz como profesional.
Co conxunto vasco participou en dous Giros de Italia. Nun deles foi capaz de terminar a pesar de sufrir unha fractura no brazo cando restaban aínda varias etapas para a conclusión da carreira.
O KGZ quere contar coa experiencia internacional de Iban Mayoz para afrontar a Vuelta 2008 con maiores posibilidades de éxito. Ezequiel Mosquera, quinto na última edición desta rolda, volverá ser a punta de lanza dos de Álvaro Pino, xunto con David Herrero, Carlos Castaño e David García .
Mayoz incorporarase de inmediato á disciplina do KGZ, que vai iniciar o ano no Tour de Langcawi (Malaisia) antes de se meter de cheo na tempada europea coa disputa da Volta a Mallorca.