O goberno británico aspira a producir o 20% da electricidade mediante fontes limpas no ano 2020.
Muíños eólicos nunha zona costeira
O goberno do Reino Unido prevé que poida haber arredor de dous aeroxeradores por cada quilómetro de costa británica. O Secretario de Negocios John Hutton quere empregar os mares británicos para acoller uns 7.000 muíños de vento para producir enerxía para todos os fogares do país contra o ano 2020.
O político recoñeceu que esta medida producirá un impacto no aspecto da costa, pero dixo que a ameaza do cambio climático é motivo suficiente para impulsar o proxecto. O conservador Alan Duncan coincidiu na mesma idea nunha entrevista na BBC: "Somos unha nación insular. Temos moito vento arredor. Temos que aproveitar a capacidade costeira para xerar electricidade limpa e segura".
Os ministros queren que o 20% das necesidades enerxéticas británicas procedan de enerxías renovábeis polo 2020, e consideran que a enerxía eólica será a máis importante. Tamén desexan que o Reino Unido sexa enerxeticamente autosuficiente.
Nick Rau, representante da campaña de Friends of the Earth a prol das enerxías renovábeis, acolleu favorabelmente o anuncio do goberno: "Facer de Gran Bretaña un líder mundial nesta forma de enerxía creará empregos, impulsará a economía e axudará a poñer o país na fronte de batalla para combater o cambio climático".
Porén, os aeroxeradores seguen a crear polémica tanto terra adentro como no mar, pola preocupación polo seu impacto visual, o dano ás aves e o impacto na pesca e na navegación.