A Consellaría de Industria estabelece que a cesión pública dunha parte se puntúe até un máximo do 30% nas adxudicacións de proxectos eólicos.
Flickr: comacut
Segundo avaliaron desde o Goberno, o Consello Consultivo "en ningún caso rexeita a participación pública". Desde a Consellaría de Industria consideran que o organismo unicamente sinalou que a iniciativa da Xunta non contiña un desenvolvemento suficiente e non seguía os procedementos fixados legalmente para a regulamentación do patrimonio das administracións públicas, implicando "un mérito determinante e hexemónico na selección dos anteproxectos".
Fronte ao problema, Industria decidiu dotar de maior concreción o artigo 9, onde se estabelecía que, con carácter voluntario e para os efectos de valoración do anteproxecto, os solicitantes podían presentar unha proposta de definición de fórmulas de participación pública. Así, a nova formulación do decreto sinala que se poderá realizar unha "proposta de participación pública no capital social do proxecto a través de entes de dereito público que teñan como obxecto social ou función a implantación de sistemas de produción de enerxía e que poidan constituír ou participar en sociedades, calquera que fose a súa forma, cun obxecto que a relacións cos seus fins". Respecto dos problemas polo posíbel "carácter hexemónico" destes criterios, Industria decidiu determinar que "en ningún caso o documento de compromisos adicionais poida supoñer máis do 30 por cento do total".
Previsión clara dos compromisos enerxéticos
O Consello Consultivo tamén pedira a inclusión entre o Plan Sectorial Eólico e a convocatoria ás empresas dunha "declaración anticipada" de compromisos de política enerxética para o período seguinte, dentro do marco xeral de regulación e de acordo cos obxectivos do Plan Sectorial Eólico.
Así, a Xunta introduce un novo punto no artigo 3 do decreto onde se compromete a que "un mes antes da convocatoria á que se refire o artigo 8, a consellería competente en materia de enerxía publicará na súa páxina web a previsión de potencia máxima expresada en megavatios que se tramitará durante o período de referencia que se fixe".