Apenas un recanto fronte ao litoral d'A Guarda e na Mariña, a pé de Asturias, aparecen como recomendados para instalación de muíños.
No mapa á beira destas liñas poden ver o deseño do Estudo Estratéxico Ambiental do litoral estatal onde se avalían as condicións para a instalación dos parques eólicos mariños. O proxecto avalía non só a potencialidade de cada área para a introdución dos muíños, senón tamén os condicionantes ambientais que impedirían a súa instalación.
En tres cores: zonas aptas (verde); zonas de exclusión (vermellas) e zonas con condicionantes medio-ambientais (amarelas). A reserva de zona por parte das empresas operadoras no sector só poderá realizarse en principio nas zonas consideradas aptas. Neste caso, e no que lle toca a Galiza, só dúas áreas reducidas se recomendan para o sector eólico mariño, fronte ás costas da Guarda e da Mariña.
Con todo, isto non quere dicir que se vaian despregar parques nestas áreas de xeito inmediato. Tan só significaría que no informe inicial se considera que os efectos ambientais son menores fronte ás vantaxes que ofrecen as zonas. Así, a viabilidade ambiental final dependería da realización e aprobación dos correspondentes estudos de impacto ambiental.
Por outra parte, recordámoslles que a posíbel instalación de parques eólicos mariños é fonte dun conflito entre a administración estatal e a galega e que a Xunta decidiu interpoñer un recurso de inconstitucionalidade por vulneración de competencias. "Non poden decidir dende Madrid o que se fai na nosa costa", afirmara ao respecto o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o pasado mes de outubro.