As queixas relacionadas co urbanismo e coa vivenda supuxeron o 13% do total, máis de 1.800.
O ex Valedor do Pobo, Xosé Ramón Vázquez Sandes
Urbanismo e vivenda centraron a maioría das queixas que os galegos lle presentaron ao Valedor do Pobo en 2006. En concreto, un total de 233, que representan un 12,91% das 1.805 remitidas, segundo recolle o informe anual presentado esta quinta feira por Benigno López.
Ademais, 1.046 queixas realizáronse en galego, case un 58%, fronte ás 730, en castelán. O reclamante responde a un perfil urbano, de onde proceden 1.543 das 1.776 queixas, namentres que de fóra do país chegaron 182 iniciativas.
As queixas respecto ao urbanismo aumentaron un 26% con respecto a 2005. No caso da vivenda, o número duplicouse no último ano. Este é un dato que tamén se dá no global do período, xa que as 1.805 reclamacións presentadas en 2006 ante o Valedor do Pobo supuxeron medio millar máis que as rexistradas en 2005 (1.309).
O segundo grupo máis numeroso correspondeu a xustiza, con 193 (10,69%); universidades, cultura, turismo, deportes e bilingüismo, 182 (10,08%); sanidade, 167 (9,25%); medio e actividades clasificadas, 166 (9,2%); e presidencia e función pública, 165 (9,14%).
Profesores de Literatura Española
A contaminación acústica, a colocación de antenas de telefonía móbil, os incendios do verán de 2006, os ruídos relacionados co ocio nocturno, o consumo de alcohol na rúa e queixas de profesores de Literatura Española por ter que realizar a programación da materia en galego, representan algunhas das queixas que salientou o Valedor na presentación do informe.
Por municipios, os habitantes de Vigo foron os que máis queixas rexistraron, cun total de 176 queixas; seguidos dos de Santiago de Compostela, con 151; dos da Coruña, con 149; dos de Lugo, con 77; dos de Pontevedra, con 71; dos de Ourense, con 70 e dos de Ferrol, con 48.
Benigno López salientou a "boa colaboración" dos organismos que foron obxecto de queixas, agás a Dirección Xeral de Función Pública e o Concello de Muxía que recibiron un "toque de atención" por entorpecer as súas funcións ou non atender aos seus requirimentos.