O presidente do Goberno nega que a lingua sexa un problema e lembra que a norma foi aprobada por consenso.
O presidente da Xunta lembroulle este martes ao novo Valedor do Pobo, Benigno López, que “a pauta de conduta razoábel” que deben manter os responsábeis institucionais do pais é “apoiar e facer cumprir a Lei de Normalización Lingüística”.
En declaracións a Europa Press, Emilio Pérez Touriño dixo que “non debemos facer un problema co galego”, en referencia ás declaracións de Benigno López nas que dicía que era perigoso usar o noso idioma na Xustiza “se non se domina”. Segundo Touriño, “as cousas no tema do galego deberían estar claras”, pois está regulado por unha norma aprobada por consenso de todos os partidos.
O xefe do executivo dixo que a lei está “para se cumprir” e avogou por “aplicar e impulsar” o Plan de Normalización. A súa conclusión é que a lingua “nunca foi un problema en Galiza”, e pediu unha “pauta razoábel de conduta dos responsábeis institucionais”.