Touriño lembra que a Consellaría de Vivenda prevé unha lei, "pioneira no Estado", que permitirá ofertar máis vivenda protexida a prezo taxado.
Touriño apelou á coordinación entre gobernos español e galego
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, admitiu que o Plan de Vivenda anunciado o pasado mércores polo goberno español podería invadir competencias autonómicas, e apelou á "imprescindíbel coordinación" coas comunidades para poder aplicar as medidas previstas.
Na rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno desta quinta feira, Touriño rexeitou "entrar en hipótese" sobre as consecuencias que o plan podería provocar no prezo de vivendas e alugueiros, tal e como xa apuntara a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.
Preguntado por se o bipartito prevé estudar unha posíbel inxerencia nas súas atribucións, recoñeceu: "Non descarto nada". No entanto precisou que na reunión do Gabinete de Conselleiros, o plan de vivenda "non se formulou".
O mandatario, que valorou positivamente a "potencia" das medidas do goberno de Rodríguez Zapatero, reivindicou no entanto o paquete de iniciativas programado polo bipartito co fin de "modificar" a estrutura do chan e ofertar máis vivenda protexida a prezo taxado.
A conselleira Teresa Táboas, segundo afirmou Touriño, xa lle comunicou que o proxecto de lei está "practicamente ultimado", e que en pouco tempo será remitida ao Consello Económico e Social para, "de xeito inmediato", darlle luz verde a unha norma de "impulso da vivenda pública, pioneira no Estado".