Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MODIFICACIÓN DO ACTUAL DECRETO DE HABITABILIDADE

Vivenda e Solo elaborará un Plan Galego de Calidade da Edificación

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, anunciou onte a elaboración dun Plan Galego de Calidade da Edificación que estabelecerá "un marco integral de como debe edificarse neste país, cales son as calidades construtivas e como inspeccionar o cumprimento desas calidades, e que ordene a intervención de todos os axentes que participan no proceso edificatorio". O plan implicará a modificación do actual decreto de habitabilidade "para dar resposta ás demandas da sociedade galega do século XXI en materia de calidade na vivenda".

- 07:56 13/06/2006
Tags:

A conselleira nacionalista Teresa Táboas inaugurou onte unhas xornadas sobre o Código Técnico da Edificación e anuncio a próxima elaboración dun Plan Galego de Calidade da Edificación. Na procura dun "marco integral de como debe edificarse" en Galiza.

O futuro Plan suporá a modificación do actual decreto de habitabilidade, no que a Consellaría xa comezou a traballar e que, segundo Táboas, "aportará novos parámetros de calidade en aspectos como a superficie, iluminación, espazos comúns dos edificios, ou novas tipoloxías construtivas". A conselleira entende que esa modificación é necesaria "para dar resposta ás demandas da sociedade galega do século XXI en materia de calidade na vivenda, tendo en conta que a vivenda supón o maior investimento e o maior esforzo económico na vida dunha persoa".

En relación ao Código Técnico da Edificación, a conselleira salientou que a aplicación do código non suporá un incremento significativo no prezo da vivenda, xa que as estimacións cifran unha repercusión hipotética entre o 1% e o 2%, "que aínda así os compradores da vivenda amortizarían en pouco tempo só co aforro enerxético que lograría na súa vivenda, ao que habería que sumar toda as melloras que se incorporan no conxunto das vivendas e dos edificios, que redundarán na calidade de vida das persoas", explicou Táboas.

A conselleira de Vivenda recalcou que o CTE é un "documento aberto a incorporacións" por parte das distintas Comunidades Autónomas, e xa anunciou que o seu departamento fará achegas a ese documento, "para que incorpore ou desenvolva con máis detalle aspectos que consideramos importantes na Edificación neste país, pero que no documento estatal non figuran ou reciben un trato superficial".


0/5 (0 votos)