As máximas representantes de Novas Xeracións, Xuventudes Socialistas e Galiza Nova, analizan para Vieiros as medidas anunciadas por Zapatero.
O presidente do goberno español adiantou este martes algunhas das medidas incluídas no plan estatal de fomento do alugueiro, que serán articuladas a través dunha lei.
A partir do 1 de xaneiro de 2008 haberá desgravacións fiscais para todos os cidadáns que vivan de alugueiro e gañen menos de 24.000 euros anuais netos (28.000 brutos). Ademais, os mozos de entre 22 e 30 anos, con ingresos inferiores a 22.000, recibirán 210 euros mensuais para o pago do seu alugueiro por un período máximo de 48 meses.
Vieiros quixo saber da opinión de PSdeG, BNG e PPdeG, as tres formacións políticas con representatividade no arco parlamentario, mais desta volta por voz dos seus membros máis novos, as súas organizacións xuvenís, Xuventudes Socialistas, Novas Xeracións e Galiza Nova, respectivamente, nun tema que, aínda que dirixido a toda a sociedade, lles afecta principalmente.
Loli Rodríguez, de Xuventudes Socialistas (PSdeG)
A secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, Loli Rodríguez Amoroso, considera a medida "moi positiva", que servirá para "modificar a conciencia de propiedade que existe en España e especialmente en Galiza". Ademais, "permitirá a moitas persoas acceder a unha vivenda", sobre todo "dado o baixo dos salarios galegos".
Cuestionada por se a iniciativa do goberno de Rodríguez Zapatero, de axudar con 210 euros ás persoas de entre 22 e 30 anos con ingresos inferiores aos 22.000, non se debería estender até os 35 anos -dado que na actualidade as dificultades para acceder ao mercado laboral dificultan conseguir un traballo até a trintena-, Loli Rodríguez asume esta como unha das principais eivas. Porén, afirma que "cómpre ter en conta tamén o custo económico que vai supor para o Estado".
A socialista considera, no entanto, que esta axuda directa para os mozos de entre 22 e 30 anos "compleméntase coa outra (desgravacións fiscais equivalentes as ofertadas por adquisición a calquera persoa con ingresos máximos de 24.000 euros), que non ten límite de idade".
María Seoane, de Novas Xeracións (PPdeG)
A presidenta de Novas Xeracións amósase máis escéptica. "Incrédula e con frustración", segundo as súas palabras. "Semella que estamos de saldo", afirma. "Trátase dunha operación de marketing de Zapatero e do PSOE que comezou co anuncio da suba das pensións por viuvez e continuou cos cheques por fillos", comenta.
Ademais, cuestiónase que finalmente a medida se poña en marcha, "ao igual que ocorreu con outras moitas anunciadas para a mocidade nestes tres anos e medio de Zapatero, que quedaron sen realizar". Neste senso salienta, por exemplo, "a creación dun ministerio de Xuventude, ou a promesa de facer 180.000 vivendas para a xente nova, que logo se converteron nos minipisos de 30 metros cadrados e na promoción das zapatillas Kelifinder para buscar casa".
Respecto aos límites de idade que prevé a norma para as axudas directas de 210 euros, María Seoane lembra que programas como o Plan Labora ou Hipoteca Xove, impulsados polo anterior Goberno da Xunta, "se estendían até os 35 anos".
Iria Aboi, de Galiza Nova (BNG)
A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, coincide coa popular en cualificar a iniciativa do goberno estatal como de electoralista. "Entra dentro da precampaña", sinala, e engade que "nós sempre nos posicionaremos a favor de todas as medidas que vaian no camiño de facilitar o acceso á vivenda da mocidade". "Porén, -afirma- hai que ir ao fondo do problema, poñendo máis vivenda protexida no mercado, influíndo no seu prezo para que baixe, ... políticas que a día de hoxe o Estado non está a facer".
Iria Aboi cre que a norma ten un marcado "tinte electoralista", entre outras cousas porque "se agarda ao último momento para pola en marcha". Ademais, a nacionalista critica que as políticas do goberno do Estado, "que carece de suficientes competencias", "non estean en consonancia co que fai a conselleira de Vivenda".