A voceira de Traballo do PPdeG, Susana López Abella, subliña a necesidade de incrementar os efectivos do corpo de inspectores.
López Abella, do PPdeG
A voceira de Traballo do PPdeG, Susana López Abella, alertou este venres do incremento dos accidentes laborais en Galiza en 2007, que segundo os últimos datos é de 140 accidentes diarios, cun total de 60 persoas falecidas.
Ante esta situación, a popular reclamou a posta en marcha de medidas urxentes, tal como a posta en marcha de plans de prevención adecuados aos distintos sectores, así como o incremento de efectivos do corpo de inspectores.
Neste senso, subliñou que as diferencias entre Galiza e o Estado, así como o resto dos países da Unión Europea, seguen a ser "abismais", xa que, segundo os datos da última memoria da Fiscalía do TSXG, mentres na UE existe un inspector por cada 12.000 traballadores, no noso país a media é de un por cada 30.000.
Criticas á Consellaría de Traballo
López Abella destacou tamén a escasa cultura preventiva e a descoordinación entre as diferentes empresas que están a realizar unha mesma obra, como outras das causas que están detrás dos accidentes laborais, especialmente no sector da construción: a citada memoria recolle que un de cada tres sinistros con responsabilidade penal debeuse a que as diferentes subcontratas realizaban actividades incompatíbeis ao mesmo tempo.
"Consideramos necesario que se estabelezan axudas para a contratación de técnicos de prevención nas empresas por parte da Administración, fomentando a creación dos Servizos de Prevención Propios", matizou a voceira do PPdeG.
Ademais, criticou o conselleiro, Ricardo Varela: "No ecuador da lexislatura atopámonos con que o único que fixo a Consellaría de Traballo foi suprimir o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e presentar cun atraso de ano e medio un Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 2006-2010, que se está a aplicar con demasiada lentitude".