"Pódese facer máis", opina a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila, ao fío das recentes mortes na construción e no naval.
Maior número de inspeccións de traballo e da Seguridade Social e un "escrupuloso seguimento" da normativa existente en relación aos riscos e prevención de accidentes laborais. É a petición que a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, trasladou cara ao Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, insistindo na necesidade de controlar as condicións de contratación, os horarios laborais e outros factores de importancia para a redución dos accidentes no traballo.
"Segundo os dados correspondentes aos anos 2005 e 2006, o naval é un dos sectores máis vulnerábeis onde se produciron os peores sinistros laborais e cun índice de mortalidade maior", sinala Davila ao fío da recente morte dun mozo no peirao de Bouzas. A deputada galega opina que un paso importante para minguar o elevado número de accidentes froito da "precariedade laboral" pasa pola transferencia a Galiza da Inspección de Traballo.