O promotor da recollida de sinaturas contra o sobresoldo dos altos cargos nega calquera vínculo coa Plataforma, partidos ou sindicatos.
Logotipo da campaña contra o 'plus' aos altos cargos
Luis Villaverde, o cidadán que lanzou a recollida de firmas contra o sobresoldo dos altos cargos a través da web nuncamais.org, decidiu dar a cara para clarexar os obxectivos da iniciativa e, ademais, desvincularse de calquera filiación política e sindical.
600 sinaturas nun día
O webmaster aclara que a súa iniciativa xurdiu “espontaneamente” por “carraxe” ante a aprobación do sobresoldo para os altos cargos. O activista cre que o sobresoldo foi aprobado “en pleno agosto, cando ninguén le a prensa” nun intento de ocultalo a opinión pública.
Villaverde inidica que a recollida de firmas comezou a raíz dos comentarios en foros en contra do sobresoldo e móstrase sorprendido do éxito alcanzado grazas ao “marketing viral”. E é que xa logrou apañar máis de 700 sinaturas, con 600 novas adhesións no último día.
Sen vínculos coa Plataforma
Sobre o uso do dominio “nuncamais.org” o activista insiste que non ten que ver coa Plataforma que se mobilizou contra a administración de Fraga. Iso si, Villaverde explica que, nos tempos do Prestige, empregou a mesma web para publicar fotos enviadas polos cidadáns sobre a catástrofe “mentres o Goberno dicía que non pasada nada”.
“Hai que informar á xente”
Despois de ter parado o sitio web un tempo e “vista esta burrada, non me queda máis remedio que informar á xente, e promover outro Nunca Máis; pero esta vez contra o espolio do país”, indica o promotor da recollida de sinaturas.
“Son unha soa persoa, non hai promotores, nin agrupacións, nin nada, aínda que ás veces fale en plural, penso que o fago porque penso que hai moita máis xente que pensa igual ca min” reitera o webmaster nun esforzo de marcar distancias con sindicatos e partidos políticos.