O presidente da Xunta asegura que no caso dos altos cargos do Goberno implicará o gasto de "arredor dun millón de euros".
Teimou este xoves o presidente da Xunta en falar da diferencia de salario entre os altos cargos en Galiza e no resto do Estado, para xustificar o que entende que é a equiparación de soldo á media estatal. Nesa liña, Emilio Pérez Touriño indicou que a reforma da Lei de Función Pública equipara o chamado complemento de destino que recibe un funcionario que exercera como alto cargo da Xunta co recibido por un funcionario da administración do Estado.
Asegurou Pérez Touriño que esa diferencia queda en arredor de 249 euros mensuais, polo que o sobresoldo anual estaría en 3 mil euros aproximadamente. No mesmo sentido comentou que a Consellaría de Presidencia non avaliara en máis dun millón de euros o custo anual total para soster ese incremento. "Os altos cargos percibían o complemento de destino dende o ano 1998, e o que se fixo na presente reforma da Lei de Función Pública, foi equiparar a retribución destes cos do Estado", insistiu.
A denuncia fronte ao Valedor advirte dun custo de máis de 30 millóns
Os datos expostos polo presidente da Xunta contrastan coa avaliación realizada días atrás pola CIG, antes de que transcendera que por exemplo, ingresarían o sobresoldo os antigos alcaldes ou deputados, detalle que subiría de 2 mil até mesmo 4 mil os posíbeis beneficiados pola medida. Daquela, e cualificando de "abusiva, inxusta, discriminatoria, anticonstitucional e antixurídica" a disposición adicional que garantía este plus, a formación sindical xa consideraba que non sería menor a 30 millóns de euros o gasto necesario para facerlle fronte.
Nesta altura, recoñecen a dificultade de facer unha valoración exacta do custo que pode representar para a Xunta este acordo, e ao respecto insisten en que o propio Goberno faga públicos os nomes dos funcionarios que ingresarían ese sobresoldo. "Van premiar a persoas que ocuparon cargos por designación a dedo dende o ano 1981, na meirande parte por motivos políticos e partidistas, sen ter en conta o tipo de xestión ou capacidade", expoñen. Mentres se inicia a campaña de recollida de sinaturas en favor da derrogación da reforma, agardan que o Valedor do Pobo se pronuncie con celeridade ao respecto.