Fronte ao silencio desde as formacións políticas ao respecto, desafían a altos cargos actuais e pasados a pronunciárense sobre o que cualifican de "privilexio".
"Inxusta, discriminatoria e improcedente" son algúns dos cualificativos que desde a Confederación Intersindical Galega lle adican á disposición adicional 17, a polémica iniciativa que estabelece o sobresoldo anual de 15 mil euros de por vida para altos cargos despois de que estes deixen a política activa para reingresaren nas súas prazas de funcionarios.
A CIG insiste en que non se deixe esquecer esta polémica e teiman en que o Goberno debería derrogar esa disposición introducida na Lei de Función Pública. Ao respecto, recordan que serían sobre dous mil altos cargos os que desde 1981 se beneficiarían deste salario extra.
Por este motivo, tamén fan un chamamento a todos eles, altos cargos públicos pasados e actuais, para que publicamente dean a súa opinión sobre "este privilexio". Ao fío, pídenlle ao presidente da Xunta que se fagan públicos os nomes de todos eles.
Denuncia enviada ao Valedor
Avaliando que a entrada en vigor desta medida vaille custar aos cidadáns até 30 millóns de euros anuais, a CIG expuxo diante do Valedor do Pobo que a disposición adicional é abusiva, inxusta, discriminatoria, anticonstitucional e antixurídica".
"Está claro que é unha cantidade nada desprezábel que vai premiar a persoas que ocuparon cargos por designación a dedo dende o ano 1981, na meirande parte por motivos políticos e partidistas, sen ter en conta o tipo de xestión ou capacidade", critican. Debido a isto, xa lle solicitaran hai poucos días ao Valedor que instase ao Parlamento á derrogación da devandita disposición adicional 17 da Lei de modificación da Función Pública.
Artigo de Encarna Otero: Privilexios ou igualdade: disposición adicional 17