Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ghaleb Jaber Ibrahim

"A paz non se pode construír entre vencedores e vencidos"

O presidente da Fundación Araguaney mantivo un encontro cos medios na mañá deste luns na sede da mesma. Vieiros aproveitou para saber a súa opinión sobre os enfrontamentos en Palestina.

Redacción - 19:43 18/06/2007



Ghaleb Jaber Ibrahim manifestou a súa "tristeza" polos acontecementos destes días en Palestina, a raíz dos enfrontamentos entre Hamás e Al Fatah. "A situación actual nos territorios ocupados é moi grave, resultado da política de ocupación israelí, á que se suma a presión das instancias occidentais". Os enfrontamentos son "consecuencia da asfixia económica e política sobre a poboación civil, dos checkpoint, do muro..." Perante a vixencia que volve ter o sionismo, afirmou "non vemos a luz para crear un estado. Mentres Palestina recoñeceu a Israel no 67, Israel non cumpriu ningún dos acordos asinados en Oslo".

Considera que a retirada das tropas israelís de Gaza é "unha trampa, como se está a demostrar neste momento: trátase do campo de concentración máis grande do mundo, onde a xente non ten liberdade para se mover, nin soberanía sobre o chan nin as augas. Menos aínda dende que se atoparon pozos de gas natural, no 2002. Díselle á comunidade internacional que aí temos xa o noso estado, cando non o é. Os colonos saíron de alí e metéronse en Cisxordania".

Mencionou tamén os asasinatos colectivos, a destrución de recursos naturais, o illamento, a presión sobre a economía... " A nosa economía é dependente, de subsistencia: Israel non deixa que Palestina sexa libre, que se desenvolva autonomamente. Controla a auga, o teléfono, a electricidade... Mesmo nos prohibe cultivar as especies fundamentais da nosa alimentación, como a oliveira. Vémonos obrigados a mercar no supermercado israelí".

"O imperialismo non permite que certos países sexan autosuficientes"

Son as leis do mercado internacional, ao seu ver, as que que obrigan á dependencia: "dende o punto de vista imperialista, non se pode permitir que un país sexa autosuficiente. E as guerras non as gañan máis cós traficantes de armas, os donos de laboratorios, os señores do petróleo ou os dos medios de comunicación. A Israel non lle interesa que Palestina sexa libre, porque ten 300.000 ou 500.000 traballadores que son o eixo da súa economía, porque ten alí un mercado". A presión socioeconómica é un dos detonantes do conflito: "cando unha persoa nova non ten traballo nin estabilidade de ningún tipo, e vén un "señor da guerra" ofrecerlle 250 libras (uns 380 €) por loitar na milicia, claro que vai". Neste momento, como afirma, a máxima é non responder ás provocacións: "hai orde expresa de evitar o derramamento de sangue".

Chama a atención sobre o escaso coñecemento da realidade por parte da comunidade internacional: "a poboación israelí, xunto coa norteamericana, é a máis ignorante do que está a facer o seu exército. O 70% da poboación israelí é militar, sexa activa ou en reserva. E cando digo activa, quero dicir cunha ametralladora na casa. E todos os medios seguen aos militares: a opinión pública márcaa o exército". Sobre o goberno de emerxencia, que dirixe o recentemente nomeado primeiro ministro Salam Fayad, amósase optimista: "neste momento, o prioritario é saír da situación. Os gobernos en Palestina son o de menos, quen ten que ceder é Israel. A paz cómpre construíla entre persoas que queren a paz, non entre vencedores e vencidos. Non se pode negociar marxinando a boa parte dos sectores da poboación".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: