O recoñecemento do goberno de coalición entre Hamás e Al Fatáh pola comunidade internacional traería canda si o cesamento do fogo por parte palestina. Israel esixe que se cumpran as condicións do Cuarteto.
Se Israel persuade á comunidade internacional de non boicotear o novo goberno palestino de unidade nacional, "Hamás e Al Fatáh comprométense a un cesamento total do fogo, incluíndo o lanzamento de mísiles Qassam e os atentados suicidas". A proposta foi filtrada o martes por un dirixente de Hamás ao diario israelí Haaretz.
O presidente de Palestina, Mahmoud Abbás, ten previsto pór riba da mesa a oferta na vindeira reunión co primeiro ministro israelí Ehud Olmert, segundo informaron fontes palestinas. A xuntanza -a terceira nos tres últimos meses- é previsíbel que se produza este domingo.
Olmert, pola súa banda, pediralle a Abbas que o novo goberno acepte as condicións do Cuarteto (UE, Rusia, ONU e EUA), isto é: recoñecemento do Estado de Israel, renuncia á violencia e cumprimento dos acordos previos. Ademais, o seu Executivo está a traballar para persuadir á UE de continuar co boicot de non se aceptar estas tres premisas, aprobadas no 2006.
Revisión das condicións do Cuarteto
Cómpre sinalar que, nos últimos días, está a medrar en Europa o apoio a manter conversacións cos ministros moderados. Porén, o ministro de Exteriores israelí, Tzipi Livni, que mantivo unha xuntanza o pasado martes cos seus colegas da UE, sinalou que esta semella manterse firme na defensa das condicións do Cuarteto.
A proba máis palpábel, segundo Livni, foi o rexeitamento a unha proposta conxunta dos Estados francés, español e italiano de organizar un comité especial para reconsiderar ditas premisas, previas ao diálogo co novo goberno de unidade palestino.