Coa lectura de estratos do Corán que fan referencia á unidade dos musulmáns, presentaron este xoves Hamás e Al Fatah o pacto asinado para a formación dun goberno conxunto. O acordo pechouse en Arabia Saudí, a onde acudiran o presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbás, e o líder de Hamás, Ialed Meshal.
Hamás xestionará sete ministerios, de xeito concreto, os departamentos de Educación, Traballo, Mocidade, Xustiza, Comunicación, Bens Islámicos e Asuntos Municipais. Pola súa parte, Al Fatah asumirá as áreas de Asuntos Sociais, Transporte, Agro, Obras Públicas, Asuntos de Presos e Sanidade.
Haberá tamén cinco ministros independentes, inicialmente non vencellados a ningunha das dúas formacións, aínda que Hamás resérvase o dereito de nomear a tres directamente. Serán os responsábeis de Estado, Planificación e Interior. De igual xeito, Al Fatah designará outros dous, de Estado e Exteriores. Ademais, outros catro departamentos, entre eles o de Finanzas, serán cubertos polas outras forzas políticas que conseguiron representación parlamentaria.