O ministerio fiscal considera que non existen suficientes indicios de delito para proceder contra os militares estadounidenses.
A Fiscalía da Audiencia Nacional española recorreu o procesamento dos tres membros do exército dos EUA, presuntos autores do asasinato do cámara de televisión galego Xosé Couso. O ministerio fiscal considera que non existen suficientes indicios de delito para proceder contra os soldados estadounidenses, segundo informaron fontes xudiciais.
O xuíz Pedraz emitiu o pasado 27 de abril un auto de procesamento contra o sarxento Thomas Gibson, responsábel do tanque que realizou o disparo contra o Hotel Palestina de Bagdad -onde se aloxaban os xornalistas que cubrían a invasión de Iraq por parte dos EUA-, e dous dos seus superiores, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip De Camp.
Os delitos polos que lles acusa poderían levar consigo un castigo de pena de cárcere de entre dez e quince anos. O Código Penal español sanciona a quen "con ocasión dun conflito armado realizasen ou ordenasen realizar ataques indiscriminados ou excesivos ou fagan obxecto á poboación civil de ataques, represalias, actos ou ameazas de violencia coa finalidade de aterrorizala".
O xuíz remitira daquelas o seu auto por comisión rogatoria ás autoridades norteamericanas. No documento, sinalaba que unha vez que os militares estean á súa disposición, deberán achegar unha fianza dun millón de euros coa fin de satisfacer as responsabilidades civís que se puidesen derivar do proceso.
En base ás testemuñas dos soldados
No auto, o xuíz sinalaba que a actuación concreta de cada un dos militares determinábase "en base ás súas propias explicacións, dadas en medios de comunicación, xunto co informe sobre o ocorrido, que foi remitido polas propias autoridades dos EUA".
Ademais, dicía que as forzas militares norteamericanas tiñan coñecemento de que o Hotel Palestina non era obxectivo militar e tampouco constaba a existencia de francotirador nin disparo algún dende o tellado ou outra parte do hotel contra as tropas norteamericanas. "Ao contrario, son múltiples os testemuños que acreditan a seu inexistencia, tendo en conta que o hotel estaba ocupado por xornalistas en cada habitación, planta e tellado".
Xunto co cámara Xosé Couso, o 8 de abril de 2003 morrera tamén o reporteiro da axencia Reuters Taras Protsyuk.